O goberno local adheriuse ao plan “Concellos reto demográfico +Renovables” da Deputación de Pontevedra e do IDAE
Sanxenxo, 8 de xaneiro de 2025.- O Concello de Sanxenxo continúa apostando pola implantación de enerxías renovables en edificios municipais para o autoconsumo, pero tamén para beneficiar a consumidores vulnerables e reducir a fenda enerxética. O goberno local adheriuse ao plan “Concellos reto demográfico +Renovables” da Deputación de Pontevedra, que destina fondos provinciais e do IDAE (con financiamento europeo) para proxectos innovadores de enerxías renovables e almacenamento, así como sistemas térmicos renovables. O programa fomenta a implantación de sistemas enerxéticos alternativos en instalacións municipais para que estas sexan autosuficientes, pero tamén co obxectivo de reservar unha porcentaxe desa xeración eléctrica (un 10 por cento) para vertela á rede e que sexa aproveitada polos consumidores vulnerables da zona.
O Concello de Sanxenxo presentou á subvención un proxecto dunha instalación fotovoltaica para colocar na cuberta do pavillón municipal de Baltar con 185 paneis de 540w. Ademais, vai acompañado dun sistema de almacenamento de 50 Kwh composto por baterías de litio. Todo xestionado cun sistema software que permitiría ter monitorizadas as producións. O custo total estimado é de 113.654 euros dos que, se se aproba a subvención, o IDEA achegaría 64.940 euros, a Deputación de Pontevedra, 24.975 euros e o Concello, 23.739 euros.
Cómpre lembrar que o Concello de Sanxenxo incluíu na rehabilitación do Pazo de Emilia Pardo Bazán unha instalación fotovoltaica na cuberta do edificio e no aparcadoiro para o consumo de parte da enerxía eléctrica do edificio e para a carga de vehículos eléctricos, contribuíndo así ao coidado do medio ambiente.
Outro dos edificios con consumo de enerxía solar é a piscina municipal. Na cuberta atópase unha planta solar térmica formada por 60 paneis que permite durante o verán e parte do ano auga quente sen necesidade de utilizar a caldeira.