Concello de Sanxenxo - O CONCELLO AVANZA COA RENATURALIZACIÓN DA CONTORNA DA PEIXEIRA E A MELLORA DO CAMPO DE SAN ROQUE
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O traslado dos bloques de pedra mediante unha enorme grúa obrigou a reordenar o tráfico na zona durante os traballos.

Sanxenxo, 10 de xaneiro de 2025.- As obras de renaturalización da contorna da Peixeira e a mellora do campo de San Roque avanzan coa recuperación da fachada marítima e a construción do novo itinerario peonil. O traslado dos bloques de pedra mediante unha enorme grúa obrigou a reordenar o tráfico rodado na zona durante os traballos desta semana. A actuación supón un cambio significativo no espazo, que abrangue unha superficie total de 3.100 metros cadrados e que está incluída no Programa Provincial de Infraestruturas e Dotacións Singulares para a Execución da Axenda 2030 (PON2030), a través do cal a Deputación achegará o 80% do custo total, 942.892 euros, mentres que o Concello de Sanxenxo asumirá o 20% restante.

Os principais obxectivos son, en primeiro lugar, recuperar a fachada marítima do emblemático miradoiro portonovés da Peixeira e humanizar a conexión co campo de San Roque, coa intención de que a praza e o fronte marítimo reconecten coa súa orixe. Para isto, estanse executando unha serie de plataformas enlazadas mediante ramplas accesibles e escaleiras, que conecten de forma directa a Praza de San Roque e a Avenida de Pontevedra. Tanto as vivendas como a parte alta do núcleo antigo de Portonovo veranse beneficiadas por unha accesibilidade universal e inclusiva.

Dentro dos obxectivos do proxecto inclúese a eliminación, na medida do posible, das barreiras arquitectónicas, visuais e ambientais, polo que se optou por desmantelar parte do gran muro de contención actual co fin de renaturalizar e descontaminar o fronte costeiro e, en consecuencia, mellorar paisaxística e funcionalmente a conexión do núcleo co mar.

Para facer isto realidade, ademais de demoler o muro e tratar de recuperar o territorio e paisaxe previo, incluiranse especies arbóreas autóctonas (piñeiro atlántico) e estánse reutilizando os materiais da demolición para distintos elementos do mobiliario. En canto á iluminación actual, será substituída por outra cunha proxección máis baixa, máis contida e totalmente integrada nos muros e varandas de bloque de formigón xerados.

0
0
0
s2sdefault