Concello de Sanxenxo - A PISCINA MUNICIPAL DE SANXENXO REXISTROU 121.265 ACCESOS DURANTE O 2024, UN 5% MÁIS QUE EN 2023
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A cifra de cursillistas pasou de 856 a 894 durante o último ano

Sanxenxo, 13 de xaneiro de 2025.- A piscina municipal de Sanxenxo rexistrou no 2024 un total de 121.265 accesos, un 5% máis que no 2023, pese a que durante o pasado mes de setembro mantívose pechada durante quince días para realizar obras de mellora e posta a punto nas instalacións. Tamén se detectou un incremento na venda de entradas, 8.325 fronte ás 7.932 do ano anterior. En canto á ocupación dos cursos de natación, a cifra tamén se incrementou nas distintas actividades tanto de bebé como infantil, adulto, así como actividade terapéutica e aquagym, acadando os 894 cursillistas.

A pesar da actualización de tarifas aplicada a mediados de setembro do ano pasado, a piscina municipal mantén a súa dinámica de actividade con vantaxes e descontos de ata o 25% para os usuarios do servizo empadroados en Sanxenxo. Un servizo que contou cunha media de 950 socios anuais e 2.941 bonos vendidos durante o pasado ano, o que demostra a fidelidade do usuario.

Ademais, a piscina continúa servindo de apoio ao programa de actividade física para persoas maiores de Sanxenxo con 82 alumnos que asisten á sesión semanal de actividade física na auga; os alumnos do Ciclo Medio Natural e Tempo Libre (dúas sesións semanais para 22 alumnos); os deportistas do PC Salvamento Sanxenxo (3 sesións semanais de adestramento) e os cursos de preparación ao parto.

O horario é de luns a venres, de 7:45 a 14:30 horas e de 16:00 a 23:00 horas; os sábados, de 9:30 a 14:00 horas e os domingos de 10:00 a 14:00 horas. As instalacións contan, na actualidade, con dúas piscinas, unha de natación e outra terapéutica ou infantil, dous hidromasaxes e unha sauna finlandesa.

Cómpre lembrar que o pasado mes de setembro pecháronse as instalacións para realizar a automatización da cloración da auga e a reparación da planta solar térmica cun total de 60 paneis que permiten quentar a auga da piscina e duchas durante o verán sen necesidade de usar a caldeira.

0
0
0
s2sdefault