Concello de Sanxenxo - SAN AMARO E SAN MARZAL MARCAN O INICIO DA CELEBRACIÓN DO 25º ANIVERSARIO DA ASOCIACIÓN SAN CAYETANO DE ARRA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O colectivo programa unha semana cultural do 26 de xullo ao 3 de agosto cun entroido de verán, cantares de taberna e diversas actividades.

Sanxenxo, 14 de xaneiro de 2025.- A Asociación San Cayetano de Arra celebra 25 anos como un referente de actividade cultural e festiva no municipio. A celebración de San Amaro, mañá, e San Marzal, o xoves, marcarán o inicio dunha intensa programación con motivo das vodas de prata do colectivo.

Mañá mércores, ás 9:00 horas, unha salva de bombas anunciará o inicio dos festexos en honra ao patrón San Amaro. A continuación, comezará a alborada a cargo do grupo de gaitas Os do Barro. Ás 11:00 horas oficiarase unha misa e ás 13:00 horas terá lugar a misa cantada con procesión. Ás 20:30 horas celebrarase a verbena coas orquestras Marbella e París de Noia baixo unha carpa con calefacción. A asociación porá a disposición dos asistentes un aparcadoiro gratuíto. Durante a verbena sortearanse 200 euros.

O xoves, 16, a xornada estará dedicada a San Marzal e dará inicio coa alborada do grupo Os do Barro. Ás 13:00 horas celebrarase a misa seguida de procesión. Rematados os actos litúrxicos, terá lugar a tradicional poxa de ofrendas con galos e centros de flores doados para a ocasión. Ás 21:00 horas comezará a verbena coas orquestras Olympus e Los Satélites. Unha gran tirada de bombas de palenque ás tres da madrugada anunciará o fin das festas.

Estas dúas celebracións serán a antesala dun intenso ano de actividades en Arra. A Asociación Cultural San Cayetano proxecta unha semana cultural entre o 26 de xullo e o 3 de agosto con Cantares de Taberna e un Entroido de Verán que se sumarán, entre outras actividades, ao Certame de Pintura Rápida ou a Feira Gastronómica de Produtos Galegos, dous eventos xa consolidados no calendario estival. Antes desa data, chegará o martes de Entroido con importantes sorpresas nesta edición e que cada ano atrae a centos de veciños ao campo da festa de Arra.

“Será un ano especial con moitas novidades que servirán tamén de agradecemento a todos os veciños e empresas patrocinadoras que confiaron en nós e apostaron polas nosas propostas e actividades durante todos estes anos”, asegura Bruno Vidal, presidente da Asociación Cultural San Cayetano de Arra. “Tamén quero destacar e agradecer o papel de Juan Medrano como fundador desta asociación cultural”, destaca Vidal.

0
0
0
s2sdefault