As concellarías de Servizos Sociais e Educación realizan, a través do CIM, unha planificación transversal para o 8-M
Sanxenxo, 15 de xaneiro de 2025.- O Concello de Sanxenxo dedicará o mes de marzo á conmemoración do Día Internacional da Muller cun amplo programa de actividades, elaborado entre as concellarías de Servizos Sociais e Educación, a través do CIM, que arrancará xa en febreiro. Así, o vindeiro día 10, celebrarase nos centros educativos o Día da Nena e da Muller na Ciencia. Realizaranse distintos tipos de experimentos e afondarase nas achegas de grandes científicas galegas ao progreso da humanidade, como Ángeles Alvariño, Ramona Vaamonde ou Begoña Vila.
O 21 de febreiro terá lugar a presentación de Coidándote para Coidar, ás 11:00 horas, na Casa de Cultura de Adina. O programa comezará o 13 de marzo e contará cun total de 15 sesións, divididas en tres bloques: o autocuidado emocional da persoa coidadora, información xurídica e recursos sociais, e adaptación do fogar á persoa dependente. A inscrición deberá realizarse a través do correo Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. ou no teléfono 986 727 901, sede de Servizos Sociais.
As actividades continuarán cun curso de autodefensa feminina, os días 5 e 12 de marzo, e cun contacontos Contamos pola igualdade nos centros educativos municipais o 10 de marzo.
O acto central terá lugar o venres 7 de marzo cunha mesa redonda Mulleres con voz. O 8 de marzo continuarán as accións conmemorativas na Festa do Ghato en Portonovo. O 20 de marzo celebrarase un ciclo de conferencias baixo o título Muller e saúde, onde expertos abordarán enfermidades como a fibromialxia, doenzas reumáticas, depresión e autocuidado emocional.
A programación polo 8-M pecharase coa 26ª Mesa Local contra a Violencia de Xénero o vindeiro 27 de marzo.