A obra conta cun orzamento de 2,8 millóns de euros e un prazo de execución de 12 meses.
Sanxenxo, 4 de febreiro de 2025.- Comeza a conta atrás para que Vilalonga conte cun gran espazo interxeracional en pleno centro da parroquia. A rehabilitación do antigo colexio O Cruceiro arrincou esta semana coas demolicións interiores. O novo espazo, que estará operativo en 12 meses, albergará o FP dual de Hostalaría e Restauración, unha biblioteca, un centro social para maiores na planta baixa, un aparcadoiro e uns amplos xardíns como zona de esparexemento exterior. A obra conta cun orzamento de 2,8 millóns de euros financiados con fondos europeos e fondos propios.
O alcalde, Telmo Martín, acompañado do concelleiro de Medio Ambiente, Mantemento e Servizos, Yago Torres, e da edil de Educación, Nati Parada, visitaron esta mañá as obras. “Quero destacar a importancia da reconversión deste edificio de 1.800 metros cadrados e da importancia de apostar por rehabilitar un colexio polo que pasaron moitas xeracións de vilalongueses e doutras zonas do noso municipio”, apuntou. “O edificio, ademais de responder a unha vella demanda dos maiores da parroquia, vai ser o centro de formación de Hostalaría e Restauración do que sairán futuros profesionais do sector turístico”, incidiu Martín.
O responsable da adxudicataria Oreco e Balgón, Juan Piñeiro, destacou a conversión integral nun edificio sostible e eficiente coa instalación de paneis fotovoltaicos e iluminación LED, así como a renovación da carpintaría exterior e o illamento da fachada. Pola súa parte, o director de obra Carlos Berride explicou que no exterior, ademais do aparcadoiro, haberá unha zona verde axardinada con espazos de lectura e sombra.
O centro social ubicarase na zona do antigo ximnasio, cunha superficie útil de 375 metros cadrados. Este espazo estará dotado de dúas zonas para cafetería e escenario con zona de baile, que poderán estar vinculadas ou ser independentes. Do mesmo xeito, a parte do escenario e baile pódese converter nun gran espazo para conferencias ou presentacións de diversa índole con capacidade para 120 persoas.
A nova biblioteca terá unha superficie útil de 185 metros cadrados e contará con zona de estudo, zona infantil, zona de ordenadores, arquivo e aseos, ademais dunha área de lectura exterior cun pequeno patio axardinado onde se poderán realizar as presentacións de libros e obradoiros infantís. Tanto a biblioteca como o centro cívico terán accesos, servizos e instalacións individuais, o que fai que poidan funcionar de maneira independente ao resto do edificio podendo ter diferentes horarios de uso.
As plantas primeira e segunda suman 1.032 metros cadrados (535 na primeira e 497 na outra). Nelas ubicarase o ciclo profesional dual de Hostalaría e Restauración en modalidade de FP dual. Un ciclo de alta demanda na área e que supón unha oportunidade para a mocidade da zona. Estará formado por espazos de aulas polivalentes, taller de cociña e office, taller de restaurante e bar, cos equipamentos necesarios. Ademais, incorpora un ascensor no núcleo de comunicación principal.