Concello de Sanxenxo - AS OBRAS DO NOVO BOMBEAMENTO E IMPULSIÓN DE A GRANXA DE ABAIXO AVANZAN E PREVÉSE QUE CONCLUAN ANTES DO VERÁN
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A escavación da parcela xa está finalizada e iniciouse a cimentación da estación.

Sanxenxo, 5 de febreiro de 2025.– As obras do novo bombeamento e impulsión de A Granxa de Abaixo avanzan coa escavación da parcela e o inicio da cimentación da estación. A actuación está incluída no convenio asinado polos concellos de Sanxenxo, Poio e Acuaes para a mellora do saneamento e depuración, cunha investimento total de 24 millóns de euros que repercutirá na calidade das augas da Ría de Pontevedra.

A nova infraestrutura en A Granxa de Abaixo, así como os 1.957 metros de tubaxe de 40 centímetros de diámetro que a conectará co bombeamento de Areas, supón un investimento de 527.850 euros e prevese que a obra estea concluída antes do verán para a súa posterior posta en marcha. A actuación servirá para mellorar o servizo a preto de 200 veciños de Sanxenxo, así como aos residentes de parte de Samieira e Raxó, onde tamén se realizou un novo bombeamento e tanque de tormentas valorado en 1.012.500 euros, que estará conectado ao situado en A Granxa.

As augas recollidas nestes bombeamentos, incluídos os de Areas, Nanín, o porto de Sanxenxo e O Espiñeiro, acabarán na depuradora de Paxariñas, que se está ampliando para mellorar o seu volume de recollida. Duplicaranse todas as liñas respecto á actual depuradora para unha poboación de 100.000 persoas. O pretratamento e os reactores biolóxicos sumarán dúas unidades máis, mentres que os decantadores secundarios orixinais desaparecerán para construír catro novos.

Tamén se creará unha nova liña de tratamento de lodos para os residuos extraídos da auga, así como unha liña de espesamento e deshidratación, co obxectivo de eliminar a maior cantidade posible de auga dalgúns residuos antes de destinalos ao vertedoiro. Ademais, colocarase unha liña de desinfección con raios ultravioletas para tratar a auga antes de ser vertida ao mar e estase construíndo un novo edificio de control con todas as necesidades da planta.

0
0
0
s2sdefault