O alcalde, Telmo Martín, e o concelleiro de Deportes, Marcos Guisasola, visitaron esta semana as obras que se están a executar na instalación.
Sanxenxo, 7 de febreiro de 2025.- O Concello de Sanxenxo segue mellorando as instalacións deportivas municipais. Así, está previsto que a próxima semana remate a actuación de mellora prevista no campo de fútbol de Noalla co cambio de iluminación e a reforma das gradas a través dunha subvención do Plan extraordinario de Infraestruturas deportivas da Deputación de Pontevedra.
Un investimento total de case 108.000 euros cos que xa se aumentou a potencia das seis torres do campo coa renovación de todos os proxectores a uns proxectores LED de maior calidade e eficiencia enerxética, o que permitirá un aforro no consumo do 30%. Debido á necesidade de incrementar a protección ante a choiva, nas gradas estase a executar unha ampliación de 155,00 m² na cobertura de chapa. A totalidade da estrutura metálica existente e a ampliación prevista, incluídos piares e placas de ancoraxe, estanse a protexer mediante unha man de imprimación antioxidante e outra de acabado con pintura especial para este tipo de estruturas, previa preparación das superficies a pintar.
Como actuación complementaria, tamén se está a desmontar a cobertura de chapa inferior, que presentaba unha considerable oxidación e, co fin de incrementar a protección ante a choiva, instálase no peche lateral un sistema modular de policarbonato celular. Con este sistema, garántese que a choiva non penetre cara ao interior da grada.
O Concello de Sanxenxo sacará en breve a licitación a renovación do céspede artificial e o sistema de rego dos campos de fútbol municipais de Noalla e Baltar por un total de 678.737 euros. O contrato, que será por modalidade de subministración por renting, terá unha duración de catro anos. Entre as actuacións previstas proximamente atópase a mellora da iluminación nos campos de Baltar e O Revel.