Concello de Sanxenxo - O PROGRAMA “COIDÁNDOTE PARA COIDAR” COMPLETA AS SÚAS PRAZAS DE INSCRICIÓN E MANTÉN A DEZ PERSOAS EN LISTA DE AGARDA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A presentación da actividade terá lugar o vindeiro 21 de febreiro na Casa de Cultura de Adina

Sanxenxo, 13 de febreiro de 2025.- O programa “Coidándote para coidar” tivo unha gran acollida e xa completou as prazas de inscrición, mantendo a dez persoas en lista de agarda. A actividade, incluída no programa do “8-M Día Internacional da Muller”, presentarase o vindeiro 21 de febreiro na Casa de Cultura de Adina.

O programa, impulsado pola Concellería de Servizos Sociais, busca acompañar ás familias nas tarefas do coidado, mitigar os seus efectos negativos e satisfacer as necesidades de formación e habilidades específicas para o coidado non resoltas. Ademais, pretende crear unha rede de apoio de persoas coidadoras no municipio, fomentar hábitos saudables que axuden a afrontar a tarefa de coidar con maior fortaleza emocional, aprender a pedir axuda e, sobre todo, prestar os coidados sen comprometer a propia saúde. Así mesmo, busca apoiar e impulsar a corresponsabilidade dos coidados das persoas maiores entre homes e mulleres.

“Con esta iniciativa de apoio ás persoas coidadoras, queremos crear un programa que, ano a ano, mellore e reflicta as necesidades reais da veciñanza, polo que é imprescindible contar cunha base de datos para poder ter a información real necesaria. Por iso, queremos animar a todas as persoas ás que lles poida interesar esta iniciativa a poñerse en contacto a través do correo electrónico do CIM ou do teléfono de Servizos Sociais para facernos chegar as súas demandas ou suxestións”, asegura Paz Lago, concelleira de Servizos Sociais.

O programa “Coidándote para Coidar” dará comezo o día 14 e estará composto por un total de 14 sesións divididas en catro bloques: O autocuidado emocional, información xurídica e recursos sociais, información sobre as enfermidades que orixinan coidados e adaptación do fogar á persoa dependente.

0
0
0
s2sdefault