As ofertas poderán presentarse ata o mediodía do 26 de febreiro
Sanxenxo, 14 de febreiro de 2025.- A sociedade municipal Nauta Sanxenxo acaba de licitar a mellora do acceso ao porto pesqueiro de Sanxenxo por 190.750 euros e un prazo de execución de 45 días. O prazo para a presentación de ofertas remata o 26 de febreiro ás 14 horas.
A actuación, que será financiada con cargo aos fondos propios da sociedade municipal Nauta Sanxenxo, consistirá na retirada do firme existente, dispoñendo dun novo firme máis duradeiro, a colocación de bolardos móbiles e fixos ao longo do trazado e a instalación dun sistema de control de accesos para reducir o acceso de vehículos e garantir a seguridade dos peóns.
Os traballos consistirán na retirada do pavimento existente desde a rotonda de acceso ao porto ata a entrada ao espazo destinado á pesca marítima e a colocación dun novo firme de formigón con anchos variables entre os 6 metros e os 5,75 metros. Tamén está prevista a colocación de bolardos móbiles e fixos ao longo do trazado, así como un control telescópico, semáforos e lector de tarxetas e matrículas.
O acceso á zona portuaria estará garantido durante as obras a través dun itinerario alternativo polo vial do espigón que rodea o porto. Prevese que as obras estean executadas para Semana Santa.