A actuación permitirá calmar o tráfico rodado e favorecerá a seguridade peonil
Sanxenxo, 14 de febreiro de 2025.- O Concello de Sanxenxo levará a cabo a humanización do núcleo rural de Aios cun investimento de 674.190 euros, financiado a través do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra e con fondos municipais. Esta actuación axudará a reducir a velocidade do tráfico rodado e mellorará a seguridade peonil. O núcleo de Aios está composto por unhas vinte vivendas con muros de pedra, así como por edificacións auxiliares como alpendres, hórreos e un lavadoiro, todos eles de gran valor patrimonial. Ademais, atópase preto de zonas de interese turístico e praias como Pragueira e Bascuas.
Na actualidade, os viarios presentan anchos irregulares, que en moitos casos non son adecuados para a dobre circulación, facendo que o tráfico rodado e o tránsito peonil convivan nunha situación de escasa seguridade. Ademais, o estacionamento dos vehículos realízase de forma desordenada. O proxecto, que abrangue unha superficie de 2.581,40 m², propón a substitución das redes de electricidade e comunicacións por instalacións máis eficientes, retirando postes, tendidos aéreos e renovando os servizos.
En canto ao pavimento, renovarase o asfalto e o formigón por materiais máis integrados na contorna, como pedra, adoquíns cerámicos e graníticos, así como pavimentos continuos de formigón desactivado con áridos brancos e negros e formigón pulido en seco con áridos brancos. Tamén se mellorará a iluminación pública coa instalación de 20 luminarias sobre fuste e 2 luminarias a nivel do chan ao pé do cruceiro. Ademais, renovarase o mobiliario urbano coa colocación de 2 bancos de madeira na praza do cruceiro.
Os viarios do núcleo non dispoñen dun ancho suficiente para diferenciar claramente a circulación de vehículos do tránsito peonil. A zona ten un marcado carácter residencial con prioridade para os peóns, pero tamén é necesario garantir o acceso dos residentes aos seus garaxes. Por este motivo, estableceranse categorías de viarios cun único sentido de circulación e velocidade restrinxida a 20 km/h, o que permitirá aumentar a seguridade viaria e facer deste espazo público un lugar máis agradable para a veciñanza.