As prazas son limitadas. As interesadas deben inscribirse previamente no correo Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
Sanxenxo, 18 de febreiro de 2025.- Sanxenxo acollerá un curso de autodefensa feminina entre o 5 e o 12 de marzo, de 9:00 a 13:00 horas, na Casa de Cultura de Adina. A actividade é gratuíta, pero as prazas son limitadas e enmárcase dentro da programación municipal polo 8-M, Día Internacional da Muller. As interesadas deben inscribirse previamente no correo Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo..
O curso contará cunha parte teórica e outra práctica para garantir unha formación dinámica. Na parte teórica, abordaranse conceptos psicolóxicos tanto da vítima como do agresor e aspectos relacionados co Código Penal. Tamén se traballará no desenvolvemento das cinco claves do Método Más: respiración, observación, valoración, estratexia e técnica.
A formación incluirá medidas de prevención en situacións de risco e técnicas para defenderse ante diferentes tipos de ataques, como agarres ao peito ou ao cabelo, así como agresións con armas brancas. O obxectivo principal é dotar ás mulleres de ferramentas que lles permitan sentirse seguras en calquera ámbito da súa vida.
O curso foi concedido a través da Consellería de Política Social e Igualdade, mediante a Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, no marco do acordo de colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias de Galicia para a creación dunha rede de entidades locais contra a violencia de xénero.
A formación terá unha duración de 8 horas, durante as cales as participantes poderán aprender técnicas específicas de autodefensa para o día a día.