O novo canal de comunicación funciona desde o pasado mes de xullo e é totalmente gratuíto.
Sanxenxo, 19 de febreiro de 2025.- O Concello de Sanxenxo, a través dos seus distintos departamentos, solucionou un total de 808 incidencias recibidas a través da aplicación Meu Concello. O novo canal de comunicación permite aos veciños e veciñas informar sobre problemas ou desperfectos localizados no municipio, uns avisos que van directamente ás áreas das que dependen. Meu Concello favorece o uso das boas prácticas medioambientais e o desenvolvemento dun municipio sostible. O tipo de incidencias máis frecuentes son as que fan referencia a fallos no alumeado (56%), seguido de beirarrúas e calzadas (15%), limpeza (3%), mobiliario urbano (3%), parques e xardíns (3%), sinais e semáforos (3%) e limpeza (2%).
Para poder utilizar este novo servizo é necesario descargar a aplicación Meu Concello. Para iso, o usuario accede a Google Play ou APP Store en función da tecnoloxía empregada no seu Smartphone (Android/iOS). Unha vez localizada, lévase a cabo a descarga de forma gratuíta. Posteriormente, o usuario selecciona o municipio sobre o que quere comunicar a incidencia. A partir deste momento, xa pode comezar a utilizar o servizo. O procedemento é moi rápido e sinxelo.
Para comunicar unha incidencia, abonda con premer sobre o botón "Nova Incidencia". Un despregable coas diferentes tipoloxías aparece en pantalla. O usuario selecciona aquela sobre a que quere comunicar. De forma automática, a APP detecta as coordenadas exactas nas que se atopa o desperfecto. O seguinte paso é adxuntar unha foto da incidencia e unha observación sobre a mesma e premer o botón de enviar. Unha vez enviada, o persoal do Concello recibe unha notificación do desperfecto comunicado. A partir deste momento, inícianse os trámites para dar solución á incidencia detectada. O cidadán, á súa vez, recibe unha notificación no seu teléfono móbil sempre que se produza un cambio no estado. Tamén pode facer seguimento da situación na que se atopa a mesma a través do botón de enviadas.
Ademais de comunicar unha incidencia, o usuario pode acceder a información propia do municipio así como aos puntos de interese do mesmo. A través do botón de "Noticias e alertas" tamén poderá acceder a todas as comunicacións que o Concello emita. O Concello de Sanxenxo anima aos cidadáns da súa localidade a utilizar a APP Meu Concello. A través da implantación deste canal directo de comunicación, búscase axilizar e atender as peticións dos seus veciños.