Concello de Sanxenxo - O CONCELLO HUMANIZARÁ O NÚCLEO RURAL DE PADRIÑÁN CUN INVESTIMENTO DE 449.765 EUROS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Sanxenxo, 21 de febreiro de 2025.- O Concello levará a cabo a humanización do núcleo rural de Padriñán cun investimento de 449.765 euros procedentes do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra e fondos municipais. Esta actuación súmase ás melloras xa realizadas en núcleos rurais como O Santo, Contumil e Bordóns, e, proximamente, levarase a cabo a de O Outeiro en Dorrón.

O proxecto contempla a mellora de sete vías e camiños: dúas pistas asfaltadas con tráfico libre, dous viais interiores con tráfico restrinxido a residentes, dous camiños peonís e un sendeiro. Ademais, actualizaranse os servizos de abastecemento, saneamento, electricidade e iluminación.

As obras incluirán a mellora do vial entre o cruce de Rúa Pedresal e o final da EP-9203, nunha superficie de 951 m² cunha lonxitude de 182 metros, así como un ramal de 31 metros na bifurcación do pk100. Actualmente, trátase dun vial asfaltado sen beirarrúas, pouco axeitado para o tránsito peonil. O proxecto propón instalar unha plataforma única de formigón con zonas adoquinadas, facilitando o tránsito de peóns sen impedir o paso de vehículos lixeiros, pero dando prioridade ao viandante. Ademais, colocarase unha regueira prefabricada para a recollida de pluviais, soterraranse as redes de baixa tensión e telecomunicacións e instalarase un novo sistema de iluminación pública. A mesma actuación aplicarase no vial de entrada ao núcleo de Padriñán, que contará cunha superficie de 180 m² e unha lonxitude de 38 metros.

Tamén se intervirá en dous viais interiores: un de 294 m² e 79 metros de lonxitude, que remata na Rúa Prolongación e no que se creará unha plataforma única de formigón con espazos con bancos e árbores; e outro de 186 m² e 51 metros de lonxitude, cun inicio no cruce con Camiño Pedresal e final na Rúa Prolongación. Nestes viais está previsto instalar plataforma única, mellorar a iluminación e soterrar as redes de baixa tensión e telecomunicacións.

No que respecta aos camiños peonís, melloraranse un de 203 m² e 47 metros de lonxitude e outro de 68 m² e 35 metros de lonxitude, nos que se instalará plataforma única con zonas adoquinadas, mellora da iluminación e soterramento de servizos.

Por último, no sendeiro intervirase nunha superficie de 47 m² e 31 metros de lonxitude. Actualmente, este atópase sen pavimentar e a vexetación medra sen control. Procederase á súa pavimentación con formigón e adoquíns e instalaranse elementos de iluminación pública.

0
0
0
s2sdefault