Concello de Sanxenxo - UNHA NOVA EMPRESA COMEZA A TRABALLAR DESDE HOXE NAS OBRAS DE A PEIXEIRA E CAMPO DE SAN ROQUE
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A firma comprométese a concluír as obras antes de Semana Santa

Sanxenxo, 5 de marzo de 2025. – A construtora Misturas, Obras e Proxectos, adxudicataria das obras de humanización de A Peixeira e Campo de San Roque, que se comprometera a realizalas en 3,5 meses, presentou a súa renuncia ante a imposibilidade de rematalas antes de Semana Santa. O Concello agradece a calidade dos traballos realizados ata a data, aproximadamente o 50% do proxecto.

Co obxectivo de axilizar as obras e evitar un atraso sobre o plan previsto, o Concello puxo en marcha o procedemento para estes casos, para que a empresa que quedou en segundo lugar no concurso, Construcciones Castro, asuma desde hoxe as obras, co compromiso ineludible de finalizalas antes de Semana Santa. A maquinaria comezou a chegar onte pola mañá á zona e hoxe comezaron os equipos de traballo para executar a obra pendente.

Os traballos centraranse nas próximas semanas en continuar coa apertura de Portonovo ao mar nese tramo tras o desmantelamento dunha parte do muro e coa transición accesible tanto ao miradoiro do Campo de San Roque como á zona marítima. A superficie total de actuación abrangue 3.100 metros cadrados e está incluída no Programa Provincial de Infraestruturas e Dotacións Singulares para a Execución da Axenda 2030 (PON2030), a través do cal a Deputación de Pontevedra achegará o 80% do custo total (942.892 euros), mentres que o Concello de Sanxenxo asumirá o 20% restante.

Con este proxecto, o Concello de Sanxenxo persegue tres obxectivos principais:

  • Ampliar o espazo de prioridade peonil, sumando o vial que separa a subida ata o Campo de San Roque. Os vehículos poderán circular, pero a unha velocidade moi reducida e subordinados aos peóns, seguindo o modelo establecido actualmente no Paseo de Silgar.
  • Renovar a iluminación actual, substituíndoa por un sistema con proxección máis baixa, máis contida e totalmente integrada nos muros e varandas de bloque de formigón xerados.
  • Mellorar a accesibilidade e conexión coa contorna marítima, favorecendo un espazo máis aberto e conectado ao mar.
0
0
0
s2sdefault