A concelleira de Servizos Sociais, Paz Lago, asistiu ás primeiras sesións do alumnado
Sanxenxo, 6 de marzo de 2025.- O programa piloto “Exploramentes”, posto en marcha desde a Concellería de Servizos Sociais, dirixida por Paz Lago, arrancou esta mañá no colexio Cruceiro en Vilalonga con tres sesións destinadas ao alumnado de Infantil, primeiro e segundo ciclo de Educación Primaria e 5º de Educación Primaria. A actividade chegará nos próximos días aos centros educativos de Magaláns, A Florida, O Telleiro, Nantes, Abrente e Escola Unitaria de Aios.
Dunha forma lúdica a través de xogos e vídeos, persoal do centro multidisciplinar Progresa en colaboración con docentes do colexio e coa orientadora do centro expuxeron distintas situacións para facerlles comprender a importancia da diversidade cerebral, a empatía e o respecto.
A concelleira Paz Lago estivo no inicio destas sesións acompañada tamén da presidenta da Asociación Neen@s, Montse Fernández, que agradeceu a “implicación do Concello na resposta ás súas demandas para visibilizar aos nenos con condicións distintas nos centros educativos”.
“É unha iniciativa moi importante para os centros educativos para que os nenos comprendan as diferenzas e aprendan a convivir con nenos e nenas diferentes. Tamén sería moi interesante e positivo implicar ás familias e facer un traballo conxunto”, asegurou María Mouriño, orientadora do colexio Cruceiro.
Pola súa banda, Paz Lago explicou que unha vez rematen as sesións realizarase unha avaliación con todos os equipos de orientación dos centros educativos nos que se desenvolva o programa. “Interésame moito a súa opinión e o balance que realizan do programa para continuar traballando e mellorando a convivencia de nenos e nenas con diversidades cerebrais nos distintos ámbitos, educativo, familiar…”, apuntou.