Concello de Sanxenxo - A UNIJEPOL CONCEDE AO POLICÍA LOCAL DE SANXENXO, ABELARDO MARTÍNEZ, A MEDALLA DE OURO EN SEGURIDADE VIARIA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O axente, coñecido polo seu programa co Poli Paco, foi un dos premiados nas X Distincións Nacionais á Seguridade Viaria

Sanxenxo, 11 de marzo de 2025.- O policía local de Sanxenxo, Abelardo Martínez, suma unha nova distinción pola súa contribución á seguridade viaria. A Unión Nacional de Xefes e Directivos de Policía Local, Unijepol, outorgoulle a Medalla de Ouro en Seguridade Viaria nas X Distincións Nacionais á Seguridade Viaria, organizadas en colaboración coa FEMP, DGT e Fundación Mapfre.

Esta condecoración concédeselle en recoñecemento á súa traxectoria profesional e ao seu compromiso coa seguridade viaria a través de distintos programas e actividades desenvolvidas tanto en Sanxenxo como fóra do municipio. A entrega da medalla terá lugar o 4 de xuño, durante a Convención Nacional de Mobilidade e Seguridade Viaria das Policías Locais, que se celebrará no Museo da Ciencia de Valladolid.

Este recoñecemento chega meses despois de que Abelardo Martínez recibise a medalla de ouro en Educación Viaria no marco do maior congreso internacional sobre mobilidade sostible, o Global Mobility Call, celebrado en Madrid. Tamén despois de que a súa marioneta estrela, o Poli Paco, saltase aos libros con Aprende seguridade viaria co Poli Paco, do que o Concello de Sanxenxo editou 2.000 exemplares.

Martínez leva desde 2008 impartindo formación en seguridade viaria en Sanxenxo e mesmo fóra do municipio, pero foi en 2012 cando creou o guiñol do Poli Paco, ao que seguiron Ero o Bombeiro, o Avó Nicolás e a Poli Lola. Esta idea, que naceu como unha forma de achegarse aos escolares, marcou unha tendencia a nivel nacional en materia de seguridade viaria. O seu modelo fixo que fose galardoado con diversos premios, como a medalla á Seguridade Viaria de Fesvial, o Premio RACE de Educación Viaria e o prestixioso galardón Cidadán Ponle Freno.

0
0
0
s2sdefault