O custo da actuación é de 276.739 euros e ten un prazo de execución de 3 meses
Sanxenxo, 12 de marzo de 2025.- O Concello de Sanxenxo licita a humanización da contorna da capela de Arra para mellorar a urbanización nun núcleo poboacional con gran valor patrimonial. O orzamento estimado da obra é de 276.739 euros cun prazo de execución de 3 meses. A actuación será financiada integramente a través do Plan +Provincia.
Co obxectivo de potenciar este núcleo antigo de poboación, o goberno porá en marcha esta actuación que mellorará a seguridade viaria na zona e embelecerá a contorna. A capela de San Amaro é unha xoia arquitectónica da Baixa Idade Media e, a escasos metros, atópase o Priorato de Arra que, no seu día, foi vivenda duns monxes beneditinos relacionados co Mosteiro de Armenteira e no que se teñen investido preto de 400.000 euros na súa rehabilitación.
Na actualidade pódese apreciar o mal estado do firme, así como as acometidas aéreas de telefonía e electricidade. As actuacións proxectadas terán como obxectivo mellorar o pavimento existente da zona, soterrar os cables aéreos de electricidade e telefonía e mellorar a iluminación nocturna da contorna da capela e dos viais de acceso.
Conservaranse os niveis orixinais das rúas, para o que haberá que picar e levantar o pavimento existente, cavar para posteriormente, rechear, compactar, abrir as gabias e terminar colocando o novo pavimento segundo cada caso, mantendo os desniveis e pendentes actuais. Tras as obras de urbanización, as cotas dos viais non presentarán cambios salientables.