Sanxenxo, 13 de marzo de 2025.- A deputada provincial de Infraestruturas Públicas e Mobilidade, Belén Cachafeiro Anta, percorreu esta mañá, acompañada do deputado provincial, Marcos Guisasola, e da concelleira de Planificación Urbanística e Vivenda, María Deza, a estrada provincial que vai desde o Pazo de Padriñán ata Seixalvo.
Durante a visita, na que tamén estiveron técnicos provinciais, acordouse redactar un proxecto integral de humanización e mellora da seguridade viaria no tramo de case dous quilómetros, que incluirá a construción dunha senda de ata 2,5 metros de ancho, o retranqueo de liñas de subministración, a reposición de servizos e a instalación de luminarias.
Con carácter urxente, Deza solicitou á Deputación unha actuación provisional para mellorar a seguridade viaria na zona de Miraflores ata o cruzamento con Ricardo Santos, unha área especialmente sensible pola proximidade do colexio de A Florida e que percorren diariamente escolares da zona para acudir ao centro educativo.
A intención do Concello e da Deputación é repetir un convenio de mellora da mobilidade peonil con financiamento de ambas administracións, similar ao xa asinado o pasado mes de decembro para a EP-9208 Noalla-Aios.