Concello de Sanxenxo - O CONCELLO MELLORARÁ A SEGURIDADE VIARIA NA CONTORNA DO COLEXIO DE A FLORIDA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A actuación, valorada en case 65.000 euros, opta a unha axuda autonómica da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader)

Sanxenxo, 17 de marzo de 2025.- O Concello de Sanxenxo xa dispón dun proxecto para mellorar a seguridade viaria na contorna do colexio de A Florida. A actuación, valorada en case 65.000 euros, abrangue o tramo da Rúa Ricardo Santos desde a entrada do centro educativo ata o seu entronque coa estrada da Deputación de Pontevedra e opta a unha axuda autonómica da Agader.

A lonxitude total do vial é de 458 metros e a anchura media da súa plataforma ascende a uns 6,20 metros, presentando bastantes diferenzas ao longo do seu percorrido. A capa de rodaxe do pavimento, debido ao seu elevado uso, presenta un estado de conservación deficiente, polo que urxe a súa reposición completa.

Prevese a execución dunha ampliación do vial a través dunha tira de ensanche ao longo da marxe esquerda nunha lonxitude de 107 metros, coa que se gañarán 1,50 metros de calzada sobre terreos que xa son de propiedade municipal. Ademais, realizarase a pavimentación dun sobreancho de 6,50 metros ao longo de 27 metros do mesmo marxe esquerdo, aproveitando a cesión dunha parcela ao inicio do camiño.

A obra inclúe tamén a cesión e reposición do muro fronte á entrada do pavillón, onde se habilitarán varias prazas de aparcamento. Ademais, eliminarase unha cuneta a ceo aberto existente na zona, coa correspondente recollida de pluviais.

Para finalizar as actuacións, pavimentarase a totalidade da calzada cunha capa de 5 centímetros de espesor de mestura bituminosa en quente, así como se recrecerán as tapas de rexistro afectadas e colocarase a sinalización vertical necesaria.

Esta actuación, xunto coa senda que se proxecta na estrada da Deputación na zona de Miraflores, mellorará a seguridade viaria en todo o perímetro do centro educativo

0
0
0
s2sdefault