Concello de Sanxenxo - SANXENXO AMPLÍA A SÚA OFERTA DE CONCILIACIÓN CUN CAMPUS MUSICAL NO AUDITORIO CON 300 PRAZAS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A Banda de Música, en colaboración co Concello, a través da Escola Municipal, organiza este programa para xullo e agosto

Sanxenxo, 18 de marzo de 2025.- Sanxenxo suma este verán unha nova iniciativa co I Campus Musical “Vila de Sanxenxo”. A Banda de Música, en colaboración coa Concellería de Educación, dirixida por Nati Parada, a través da Escola de Música, organiza esta actividade que se celebrará no Auditorio Emilia Pardo Bazán durante os meses de xullo e agosto, en horario de 8:30 a 14:30 horas.

O campamento está dirixido a nenos e nenas de entre 4 e 15 anos, tanto estudantes de música de nivel elemental e medio como aqueles sen coñecementos musicais previos. Os talleres musicais e as clases de instrumento serán impartidos por profesores con Titulación Superior e ampla experiencia pedagóxica. Dentro de cada nivel, impartiranse tanto clases individuais como colectivas nun ambiente lúdico onde os participantes terán a oportunidade de converterse en compositores, directores e intérpretes. Tamén están previstas mostras de xogos tradicionais e actividades deportivas para fomentar a interacción social.

Trátase dunha proposta cunha temática diferenciada, enfocada á música, pero sen deixar de lado os aspectos lúdicos das escolas de verán. Ademais, a través de actividades grupais, coñecerán diferentes estilos musicais, farán manualidades, coreografías, crearán instrumentos, improvisarán ritmos e movementos, utilizando así o ocio e tempo libre dun xeito construtivo, ao tempo que satisfán as súas motivacións e intereses.

O programa dividirase por quincenas e cada unha terá unha temática diferente para dar a coñecer distintas épocas e estilos musicais: Música Medieval e Renacemento, Barroco, Clasicismo e Romanticismo. En canto ao número de prazas, haberá dispoñibles 75 por quincena, é dicir, 300 durante os dous meses.

0
0
0
s2sdefault