Concello de Sanxenxo - SANXENXO SÚMASE UN ANO MÁIS Á HORA DO PLANETA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O vindeiro sábado, o alumeado público apagarase durante sesenta minutos, entre as 20:30 e as 21:30 horas.

Sanxenxo, 18 de marzo de 2025.- Sanxenxo súmase un ano máis, e xa van oito consecutivos, á Hora do Planeta, que se levará a cabo o vindeiro sábado 22 apagando durante sesenta minutos, de 20:30 a 21:30 horas, a Rúa Madrid, o Porto Deportivo, o Paseo de Silgar, a Avenida de Galicia e Rafael Picó.

O ano 2024 foi o máis cálido desde a Revolución Industrial, superando en 1,5 ºC a temperatura media do Planeta, límite que non debemos superar para evitar impactos irreversibles. Os fenómenos meteorolóxicos extremos están a converterse en emerxencias sociais en forma de inundacións, ondas de calor e incendios forestais.

Pero a sociedade está a moverse a favor do clima. Xa hai moitos municipios con Zonas de Baixas Emisións que potencian o transporte público, moitas persoas que deciden non coller o coche a diario e moitas empresas que teñen compromisos claros e medibles para ser climaticamente neutras en 2040.

Debemos seguir avanzando, aforrar enerxía e producila con fontes renovables, deixar os combustibles fósiles e restaurar a natureza. Necesitamos tomar medidas individuais para vivir de maneira sostible e que as empresas e gobernos continúen construíndo unha sociedade con natureza positiva e neutra en carbono. Sen pausa, sen retroceso. E ao unirse á Hora do Planeta, o noso municipio mostra o seu compromiso contra o cambio climático.

Baixo o lema "Apaga a Luz. Defende o Planeta", a Hora do Planeta 2025 terá lugar o sábado 22 de marzo, de 20:30 a 21:30, cando Sanxenxo apagará a luz durante unha hora.

0
0
0
s2sdefault