Concello de Sanxenxo - SANXENXO REVALIDA EN MURCIA O SEU LIDERADO NACIONAL EN SENDEIROS AZUIS CON UN TOTAL DE 8 GALARDÓNS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Sanxenxo, 26 de marzo de 2025.- O Concello de Sanxenxo volve encabezar a clasificación de Sendeiros Azuis a nivel nacional, con oito distintivos dos 154 cos que contará España no presente ano. O concelleiro de Turismo e Praias, Juan Deza, acudiu esta mañá a Puente Tocinos, ao Salón de Actos do Instituto de Turismo da Rexión de Murcia, para recoller os galardóns.

O galardón destaca o compromiso dos municipios e administracións públicas na recuperación e posta en valor de sendeiros e camiños que promoven a educación ambiental e o desfrute sostible da nosa contorna. No municipio de Sanxenxo forman parte desta lista para 2025: Ruta dos Carballos de Aldariz, Senda Fluvial do Río Pintillón, Sendeiro Litoral Areas-Punta Festiñanzo, Sendeiro Litoral Canelas-Punta Cabicastro, Sendeiro Litoral Montalvo-Major, Sendeiro Litoral Paxariñas-Montalvo, Sendeiro Litoral Sanxenxo-Portonovo e Sendeiro Máxico da Lanzada.

"Seguimos traballando para aumentar este listado como mostra do noso compromiso coa recuperación e posta en valor de sendas tanto no litoral como no interior", asegura Juan Deza.

Galicia é a comunidade autónoma con maior número de Sendeiros Azuis, 54 en 28 municipios, cunha rede de 389 quilómetros galardoados. En canto ás provincias, Pontevedra mantén o seu liderado con 32 galardóns en 13 municipios.

Para 2025 recibiuse o maior número de candidaturas ao galardón Sendeiro Azul (157), das que o 76% (124) foron renovacións e o 24% (33) foron novos candidatos. Igualmente, en 2025 galardoouse o maior número de Sendeiros Azuis (154), dos que o 80,5% (124) foron renovacións e o 19,5% (30) son novos sendeiros.

Xa se superan os 1.000 quilómetros de Sendeiros Azuis no conxunto de España.

0
0
0
s2sdefault