Sanxenxo, 27 de marzo de 2024.- A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, visitou esta mañá Sanxenxo para o izado da Bandeira Verde como recoñecemento ao seu coidado do medio ambiente e a conservación da paisaxe. No acto estivo acompañada do alcalde, Telmo Martín; a concelleira de Urbanismo e deputada autonómica, María Deza, e o edil de Medio Ambiente, Yago Torres. Trátase do segundo ano que o municipio luce este distintivo, outorgado pola Xunta de Galicia, que se suma ás 17 bandeiras azuis en praias e ás 8 en sendeiros concedidas pola Adeac.
“Esta bandeira é unha mostra de que estamos facendo as cousas ben. Non se pode entender Sanxenxo sen o coidado á súa paisaxe e natureza”, dixo o alcalde, Telmo Martín.
Para Ángeles Vázquez, Sanxenxo é “marca de calidade en Galicia, en España e en Europa” e “un exemplo pola súa aposta polo medio ambiente e o equilibrio económico co turismo verde e de excelencia”. Na mesma liña, Vázquez sinalou que a Consellería de Medio Ambiente quere tecer unha rede de concellos con bandeira verde “para levala a Europa e amosar o que se está a facer en Galicia”. E é que para Vázquez “o esforzo ten que ter unha recompensa”.
A responsable autonómica incidiu en que as bandeiras verdes desfrutan cada vez de maior aceptación e interese por parte dos concellos, como demostra o feito de que se producise un incremento constante do número de galardoados desde a primeira edición ata conseguir o ano pasado un total de 24.
Neste sentido, Ángeles Vázquez puxo en valor que este distintivo supón un recoñecemento aos municipios que destacan no desenvolvemento de boas prácticas para o coidado do seu entorno, o respecto pola paisaxe, a redución das súas emisións de dióxido de carbono (CO₂), a posta en valor de monumentos naturais, a educación e sensibilidade ambiental ou a redución do consumo enerxético, entre outras.
Por iso, a titular de Medio Ambiente e Cambio Climático animou aos concellos a esforzarse nestas cuestións co fin de concienciar ao conxunto da cidadanía sobre a importancia de ser responsable nos ámbitos ambiental, paisaxístico e de respecto ao patrimonio natural da comunidade. De feito, o distintivo Bandeira Verde pretende exercer de correa de transmisión entre o traballo que fan as administracións locais e a implicación da veciñanza no coidado e protección do seu entorno.
Vázquez puxo en valor que Sanxenxo é en si mesmo un refuxio climático grazas ao desenvolvemento nos últimos anos de distintas iniciativas como un plan de mobilidade sostible de 2019, un plan de acción para o clima e a enerxía sostible en 2020 ou unha axenda urbana con horizonte no ano 2030.
Todo isto, destacou a conselleira, redunda na integridade e sustentabilidade dos recursos naturais de Galicia en sintonía cos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) e os obxectivos da Unión Europea para o ano 2050 de redución de emisións. Trátase ademais de medidas que contribuirán a cumprir co obxectivo da comunidade de conseguir a neutralidade climática en 2040.
Sanxenxo volverá optar á Bandeira Verde o próximo mes de marzo con iniciativas como as novas zonas de axardinamento do municipio, o reaproveitamento como xardineiras das palas eólicas en desuso no Paseo de Silgar ou a reutilización do material na reforma do Miradoiro de A Peixeira, así como a apertura ao mar deste tramo de Portonovo.