Sanxenxo, 3 de abril de 2025.- O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, participou esta mañá en Ribadeo nunha mesa redonda con concellos declarados Destino Turístico de Galicia hai 25 anos, celebrada no Auditorio Hernán Naval. Ao acto, organizado polo Concello de Ribadeo, asistiron o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, así como os alcaldes da Pobra de Trives, Leiro, Monterrei, Baiona, Mondariz Balneario e o anfitrión, Ribadeo.
Durante a súa intervención, Telmo Martín desvelou as bazas de Sanxenxo para manterse como primeiro destino turístico do norte de España no verán. “Somos un refuxio climático tanto no verán como no inverno. Sanxenxo é gastronomía, é cultura e é paisaxe, o que nos permite desfrutar os 365 días do ano”, dixo.
“O Concello, da man do sector privado, conseguimos mellorar as cifras de pernoctacións na tempada baixa e seguir sendo líderes no verán”, afirmou. Martín incidiu na importancia da mellora constante dos espazos públicos e servizos, así como na “aposta pola seguridade con Policía Local os 365 días do ano e as 24 horas do día, algo que valoran os que nos visitan e os nosos veciños”.
No que respecta á gastronomía, Martín lembrou a próxima posta en marcha do Centro da Cultura Gastronómica das Rías Baixas no Pazo de Quintáns. “Unha ecuación perfecta entre gastronomía e patrimonio que vai ser un referente en Galicia”, indicou.
O alcalde de Ribadeo agasallou os alcaldes con láminas de lugares emblemáticos do municipio e destacou a importancia da celebración, así como de contar con todos os rexedores dos concellos que este ano cumpren 25 anos con esta cualificación.