Concello de Sanxenxo - SILGAR ACOLLE ESTA FIN DE SEMANA A I XORNADA DE SALVAMENTO ACUÁTICO DEPORTIVO EN PRAIA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Sanxenxo, 3 de abril de 2025.- Un total de 462 socorristas de ata seis categorías diferentes daranse cita esta fin de semana en Silgar na I Xornada de Salvamento Acuático en Praia organizada pola Federación de Salvamento e Socorrismo de Galicia en colaboración co Concello de Sanxenxo.

O concelleiro de Turismo e Praias, Juan Deza, e o director deportivo da Federación Galega de Salvamento e Socorrismo, Sergio Quintela, presentaron esta mañá a proba na Rosa dos Ventos no Paseo de Silgar. “Vai ser un motivo máis para achegarse esta fin de semana a Sanxenxo e desfrutar das distintas probas”, asegurou Deza.

Para a presidenta da Federación Galega de Salvamento e Socorrismo, Nuria Rodríguez, a praia de Silgar “é idónea para este tipo de actividades pola súa situación e polo tipo de area”. De feito, será en Sanxenxo onde se inaugure este ano a tempada de praias tras o peche a pasada fin de semana en Ourense da tempada de piscina.

As probas darán comezo o sábado, a partir das 10:30 horas, coas categorías cadete e xuvenil, que se enfrontarán ás probas de Banderas, Carreira con táboa e Rescate con táboa de salvamento. Pola tarde, a partir das 16:30 horas, será a quenda da categoría alevín e infantil coas probas de banderas, relevo sprint e carreira con nipper.

O domingo pola mañá será a categoría absoluta a que se enfrontará ás probas de banderas, carreira con táboa, rescate con táboa de salvamento e rescate con tubo de salvamento. Pola tarde, a categoría máster coas probas de banderas, carreira con táboa, rescate con táboa de salvamento e nadar surf.

Estas xornadas servirán de preludio do XXXIII Campionato de España por Comunidades Autónomas Absoluto e V edición Cadete de Salvamento e Socorrismo, que se celebrarán do 26 ao 28 de setembro de 2025 na praia de Silgar. Este evento reunirá as seleccións autonómicas das categorías absoluta e cadete, que competirán en distintas probas deseñadas para poñer a proba a súa velocidade, resistencia e habilidades en salvamento e socorrismo.

0
0
0
s2sdefault