O contrato do servizo saíu a licitación por 44 millóns de euros para os próximos 10 anos
Sanxenxo, 3 de abril de 2025.- O Concello de Sanxenxo recibiu oito ofertas para a xestión da recollida de lixo, limpeza viaria e de praias durante os próximos 10 anos. O contrato saíu a licitación por 4,4 millóns de euros anuais cunha duración de dez anos. As empresas que se presentaron son Ascan Servicios Urbanos-Sociedad Anónima Agricultores de la Vega de Valencia; Constructora San José - El Eijidillo Viveros Integrales; FCC Medio Ambiente; Urbaser; UTE Acciona-Manten; UTE Halkuss Garbialdi; UTE Geseco-Copasa e Oresa e Valoriza Servicios Medioambientales-Ingeser Atlántica.
O novo contrato suporá unha transformación integral do servizo cun incremento da frecuencia de recollida e limpeza, unha flota de vehículos completamente renovada, así como de colectores e papeleiras. O servizo incluirá os desbroces no rural, así como no parque empresarial de Nantes e no parque de O Espiñeiro, que ata agora non estaban contemplados, así como a poda de Punta Vicaño ou a compra de novos composteiros comunitarios e bases para colectores no rural.
Tamén se inclúe un apartado de recollidas especiais que abrangue os mercados municipais, os animais mortos e enseres na vía pública, os residuos de festas ou festivais e podas. Ademais, o licitador deberá garantir a apertura do Punto Limpo de luns a venres e, cando menos, o sábado pola mañá.
O adxudicatario do servizo deberá clausurar todos os colectores soterrados e dotar o servizo con ata 600 papeleiras con tapa, así como contar cun stock suficiente de colectores durante a vixencia do contrato. Será imprescindible un camión lava colectores apropiado para as tarefas de limpeza, que se realizarán como mínimo 12 veces ao ano no caso da fracción resto e orgánica, 3 para os de cartón e papel e 3 para os de vidro.
O plan de servizos no municipio terá como mínimo 39.044 horas anuais repartidas entre varrido manual (15.015), varrido repaso (6.006), varrido mecánico (3.562), baldeo mecánico (364), baldeo mixto (5.148), desbroces (2.398), parques infantís (1.236), mercados e mercadiños (1.896) e brigada (3.419).
En canto á limpeza de praias, establécense tres fases:
-
Fase invernal (1 de outubro - 28 de febreiro): realizarase a limpeza segundo necesidades.
-
Fase pre estival (1 de marzo - 31 de maio): nivelarase a area, realizarase unha osixenación e unha limpeza mecánica das praias.
-
Fase estival (1 de xuño - 30 de setembro): de 5:00 a 11:00 horas, limparanse as praias de forma mecánica con polo menos tres máquinas. Silgar deberá manterse limpa durante todo o ano.
A limpeza dos aseos en praia, que ata agora asumía o Concello cun contrato de case 60.000 euros, será responsabilidade do novo licitador cunha periodicidade de hora e media, mantendo a mesma frecuencia. Ademais, os baños abrirán fóra da tempada estival cando o determine o Concello por necesidades de eventos.