Concello de Sanxenxo - O CONCELLO RECIBE A 14 MOZOS AUSTRÍACOS QUE PARTICIPAN NUN INTERCAMBIO CO IES SANXENXO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 

 

Sanxenxo, 4 de abril de 2025.- O salón de plenos do Concello de Sanxenxo acolleu esta mañá a recepción de 14 mozos que participan nun intercambio organizado polo IES Sanxenxo cun centro educativo de Austria. O alcalde, Telmo Martín, e a concelleira de Educación, Nati Parada, déronlles a benvida ao municipio. “Somos un concello de case 18.000 habitantes que no verán multiplicamos ata por seis a nosa poboación e, aínda que a nosa economía se basea no turismo, a taxa de paro nos meses de tempada baixa non supera o 7%”, explicou Martín.

Os estudantes austríacos chegaron onte e permanecerán durante unha semana con familias de Sanxenxo. Nos próximos días visitarán diferentes lugares da comarca e tamén Santiago de Compostela. Parada explicoulle o significado da bandeira de Sanxenxo e destacou a importancia da gastronomía, así como o patrimonio e a paisaxe do municipio. “En Noalla, ademais de A Lanzada e o seu xacemento, temos o Pazo de Quintáns, que se converterá no Centro da Cultura Gastronómica das Rías Baixas, un espazo para poñer en valor a nosa gastronomía, o noso mar e a nosa horta”, apuntou.

Na recepción tamén estiveron presentes dous profesores austríacos, así como alumnado do IES Sanxenxo que participa no intercambio estudantil. O alcalde entregou aos docentes unha figura de cristal da Madama de Silgar, que rapidamente recoñeceron como un dos símbolos de Sanxenxo.

0
0
0
s2sdefault