Concello de Sanxenxo - PANCHO VARONA ACTUARÁ O VINDEIRO 24 DE MAIO NO AUDITORIO EMILIA PARDO BAZÁN
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

As entradas xa están dispoñibles en Woutick.com.

Sanxenxo, 8 de abril de 2025.– Pancho Varona, un dos grandes artistas da música en español, estará en Sanxenxo o vindeiro 24 de maio no Auditorio Emilia Pardo Bazán, ás 21 horas, coa súa xira “Punto y seguido”, un espectáculo íntimo onde interpreta —e comparte— cancións xunto a Joaquín Sabina e outros grandes artistas do noso país. Lonxe de ser un simple repaso de éxitos, o concerto convértese nunha conversa sincera entre o compositor e o seu público, con música, memoria e emoción á flor de pel. As entradas xa están dispoñibles en Woutick.com.

Durante máis de catro décadas, Varona foi fiel escudeiro, guitarrista, produtor e coautor de máis de cen cancións xunto a Joaquín Sabina. Colaborou tamén con artistas como Ana Belén, Víctor Manuel, Miguel Ríos, Luz Casal ou Estopa. Nesta xira, o músico preséntase en solitario para ofrecer a súa versión das cancións que axudou a construír, nun formato próximo e profundamente humano.

Unha viaxe íntima a través das cancións
“Punto y seguido” é máis ca un concerto: é unha invitación a redescubrir cancións coñecidas desde unha nova perspectiva. Pancho preséntase só, coa súa guitarra e os seus recordos, para dar vida non só aos grandes himnos do repertorio sabinero, senón tamén ás xoias menos coñecidas, esas caras B que merecen o seu lugar no escenario.

Entre canción e canción, o artista abre o seu baúl de anécdotas, confesións e acenos, nun espectáculo pensado para quen sente a música como parte da súa historia persoal. O público galego terá así a oportunidade de reencontrarse coa esencia dunhas cancións que xa forman parte da súa vida, pero que agora adquiren un novo significado na voz de quen estivo alí cando naceron.

0
0
0
s2sdefault