Concello de Sanxenxo - O CONCELLO CONTA CON 67 COLECTIVOS NO NOVO REXISTRO ACTUALIZADO DE ASOCIACIÓNS MUNICIPAIS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Sanxenxo, 24 de abril de 2025.- Dende que o Concello puxo en marcha a finais de 2023 o novo rexistro electrónico de asociacións municipais, rexistráronse ata o momento un total de 67 colectivos de carácter cultural, social, deportivo e veciñal. A inscrición nun rexistro público supón unha serie de garantías, tanto para a propia asociación como para a sociedade en xeral, e ten como función dar resposta ao requisito de publicidade das asociacións constituídas.

Para estar no Rexistro Municipal de Asociacións Veciñais de Sanxenxo é necesario estar previamente inscrito no da Xunta de Galicia, e é un requisito tanto para solicitar o uso de medios públicos municipais, especialmente instalacións, como para poder acceder a subvencións para gastos xerais e para financiar as súas actividades.

O Rexistro é un documento vivo e poderán realizar a inscrición todas aquelas asociacións cuxo obxecto sexa a defensa, fomento ou mellora dos intereses xerais ou sectoriais dos veciños do municipio e, en particular, as asociacións de veciños dun barrio ou distrito, as de pais e nais de alumnos, as entidades culturais, deportivas, recreativas, xuvenís, sindicais, empresariais, profesionais e calquera outras similares.

As inscricións realizaranse por solicitude das asociacións interesadas, que deberán achegar os seguintes datos: a) Estatutos da asociación.
b) Número de inscrición no Rexistro Xeral de Asociacións e noutros rexistros públicos.
c) Nome das persoas que ocupen os cargos directivos.
d) Domicilio social.
e) Orzamento do ano en curso.
f) Programa de actividades do ano en curso.
g) Certificación do número de socios.

As asociacións inscritas están obrigadas a notificar ao Rexistro calquera modificación dos datos no prazo dun mes desde que se produza. O orzamento e o programa anual de actividades comunicaranse no mes de xaneiro de cada ano. O incumprimento destas obrigas poderá dar lugar á baixa da asociación no Rexistro por parte do Concello.

0
0
0
s2sdefault