Concello de Sanxenxo - O POLICÍA JOSÉ MANUEL DUARTE TOMA POSESIÓN COMO NOVO INSPECTOR XEFE DA POLICÍA LOCAL DE SANXENXO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Sanxenxo, 25 de abril de 2025.- Acompañado por unha ampla representación do persoal da Policía Local, o policía José Manuel Duarte tomou hoxe posesión como novo inspector xefe nun acto presidido polo alcalde, Telmo Martín, no salón de plenos. No acto estiveron presentes membros do goberno, os voceiros da oposición e o comandante do posto da Garda Civil, David Marín.

O alcalde deulle a benvida ao municipio. “Acaba de tomar posesión José Manuel Duarte como novo inspector xefe da Policía Local para reforzar un servizo fundamental para este municipio que xa conta con grandes profesionais e dos que espero saque a súa mellor versión”, asegurou.

“Sanxenxo é moito máis esixente en seguridade que a cifra do seu padrón municipal. Nunca somos menos de 22.000 persoas, cifra que crece as fins de semana e no verán chegando a 120.000. Isto require un esforzo e un compromiso extraordinario”, apuntou.

Martín destacou o labor dos dous anteriores xefes. “Quero facer unha mención especial ao traballo de Luisa Fariña e de Marcial Juviño que nos últimos tempos exerceron como xefes demostrando a súa valía profesional. Hoxe comeza unha nova etapa e unha nova oportunidade para ser referente en seguridade”, concluíu.

Avalado por unha experiencia laboral de 28 anos no corpo e unha ampla formación que inclúe a Licenciatura en Criminoloxía, Duarte regresa á comarca do Salnés vinte anos despois tras pasar por Cambados e Pontevedra, o seu último destino, para ostentar o posto de inspector xefe da Policía Local de Sanxenxo. “Sempre quixen ser policía, gústame o meu traballo e desde hoxe comezo unha nova etapa ilusionante e un reto en Sanxenxo”, asegurou. Pediu a colaboración dos axentes en plantilla da Policía Local. “Descoñezo Sanxenxo profesionalmente, pero teño moitas ganas de comezar e responder ás expectativas que hai sobre min. Espero que poidamos formar un bo equipo porque iso redundará en beneficio da cidadanía”, dixo.

A plantilla quedaría deste xeito conformada por 23 efectivos aos que durante o verán se suman 34 auxiliares. A Policía Local de Sanxenxo presta servizo as 24 horas do día e os 365 días do ano.

0
0
0
s2sdefault