Concello de Sanxenxo - A MELLORA DO ACCESO AO PORTO PESQUEIRO DE SANXENXO OBRIGA A ACTIVAR DESVÍOS PROVISIONAIS AO PORTO E AOS GARAJES
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A actuación, valorada en 190.750 euros, será financiada con cargo aos fondos propios da sociedade municipal Nauta Sanxenxo.

Sanxenxo, 28 de abril de 2025.- O inicio dos traballos de mellora do acceso ao porto pesqueiro de Sanxenxo obriga a activar desde hoxe os desvíos provisionais do tráfico rodado ao porto e de acceso aos garaxes. O acceso á zona portuaria estará garantido durante as obras a través dun itinerario alternativo polo vial do espigón que rodea o porto. No caso do acceso aos garaxes no Paseo dos Barcos, o vehículo accederá pola Praza de Portugal, baixará pola Rúa San Isidro e chegará pola Rúa Augusto González Besada a través dun acceso delimitado con valos.

O alcalde, Telmo Martín, acompañado polo concelleiro de Mantemento e Servizos, Yago Torres, e o novo xefe da Policía Local, José Manuel Duarte, supervisaron os desvíos provisionais previstos desde hoxe no entorno portuario.

A actuación, valorada en 190.750 euros, será financiada con cargo aos fondos propios da sociedade municipal Nauta Sanxenxo. Os traballos consistirán na retirada do firme existente, na disposición dun novo firme máis duradeiro, na colocación de bolardos móbiles e fixos ao longo do trazado e na instalación dun sistema de control de accesos para reducir o paso de vehículos e garantir a seguridade dos peóns.

Os traballos comezaron coa retirada do pavimento existente desde a rotonda de acceso ao porto ata a entrada ao espazo destinado á pesca marítima e a colocación dun novo firme de formigón con anchos variables entre os 6 metros e os 5,75 metros. Tamén está prevista a colocación de bolardos móbiles e fixos ao longo do trazado, así como dun control telescópico, semáforos e lector de tarxetas e matrículas.

O prazo estimado de duración das obras é de 45 días.

0
0
0
s2sdefault