Sanxenxo, 25 de abril de 2025.- Manuel Deza “Xanelo” cumprirá o vindeiro 18 de decembro 80 anos, unha cifra que marca unha vida de esforzos e de axuda aos demais que Portonovo quere agradecer co máximo galardón da vila mariñeira, a Raia de Ouro. O que durante máis de 20 anos cedeu un baixo da súa casa a Os Gatiños de Portonovo para ensaiar e realizar actividades; presidiu a Comisión de Festas de San Cristovo e rexentou, xunto á súa muller, o bar do Club de Xubilados de Portonovo durante case dúas décadas, recibe con emoción a nova de ter sido proposto polos colectivos da vila mariñeira para o galardón. “Algo faría ben, supoño”, di.
Agora está adicado ao coidado da súa muller enferma e acode, cando pode, a ensaiar coa Coral Polifónica Santa María de Adina. “Estiven na Coral do Grove, de Lores e dende hai 38 anos na de Portonovo como tenor. Gústame moito cantar”, asegura. Deza lembra que con apenas 9 anos tivo que empezar no mar. “Empecei coa sardiña porque había que axudar na casa”, apunta. Tras casar marchou a Holanda para traballar nun barco que transportaba produtos químicos. “Cloroformo, arsénico… que levabamos a Beirut, Italia e Inglaterra nun barco pequeno no que, ás veces, con temporal pasabámolo ben mal”, lembra.
Pero se de algo se sente orgulloso é de ter organizado durante catro anos as festas de Portonovo. “Fixemos o primeiro libro de festas e coas contas, transparencia absoluta, publicamos no taboleiro gasto por gasto”, asegura. O primeiro ano tivo que convencer os veciños de que o apagón do ano anterior non se ía repetir. “Cando collimos as festas, cando iamos pedir os veciños dicíannos que tiñan medo de quedar sen luz como o ano anterior e tivemos que contratar un xerador potente por se pasaba. Non fixo falta”, apunta.
Os que o coñecen defíneno como un “home bo, cun corazón de ouro, e tranquilo” e que “non ten problemas con ninguén”. Ten dúas fillas, un fillo e catro netos que o acompañarán xunto a moitos outros veciños no acto de entrega da Raia de Ouro que terá lugar o vindeiro 4 de maio, ás 12:30 horas, na Casa Mariñeira de Don Fernando.