Concello de Sanxenxo - O CONCELLO DISPÓN DUN PROXECTO PARA HUMANIZAR O NÚCLEO DE OUTEIRO EN DORRÓN
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Os traballos están valorados en case 700.000 euros para os que o goberno buscará financiamento doutras administracións.

Sanxenxo, 30 de abril de 2025.- O Concello de Sanxenxo, co obxectivo de poñer en valor e recuperar os seus núcleos rurais, dispón dun proxecto para humanizar o núcleo de Outeiro en Dorrón, valorado en 691.871 euros. A redacción da actuación, para a que aínda non hai financiamento previsto, contratouse a través do Plan Ágora da Deputación de Pontevedra.

O núcleo está composto por unha trintena de casas e edificacións auxiliares como alpendres, hórreos e muros de pedra que pechan parcelas e definen rúas. Os viais teñen anchos que en moitos casos non chegan aos tres metros e atópanse nunha situación bastante descoidada, onde conviven o tráfico peonil e o rodado nunha situación pouco segura e pouco amable.

Na actualidade, o espazo dedicado ao peón no ámbito de actuación é dun 3,38 % de superficie que medrará ata o 33,04 % tras a execución do proxecto. Coa humanización, as vías de tráfico rodado e peonil pasarán a ter un sentido único de circulación e a restrición do límite de velocidade aos 30 km/h, permitindo unha maior seguridade do peón na rúa.

A intervención consiste nunha análise da circulación e creación de espazos peonís, a renovación do firme nos viais, a renovación das redes de saneamento e abastecemento, o dimensionado dunha rede de pluviais, a canalización da rede eléctrica e de telecomunicacións, a renovación do alumeado público, a varanda da ponte á altura do lavadoiro, así como a dotación de sinalización, paneis informativos e mobiliario urbano.

Para levar a cabo as obras será necesaria a demolición do firme actual e adaptar a rasante ao paquete de firme que se pretende acadar. Terase especial coidado no encontro do firme cos accesos ás vivendas. Os materiais utilizados nos firmes permitirán amoldar lixeiras pendentes de forma que se evite a corrente de auga cara a estas.

0
0
0
s2sdefault