Sanxenxo, 30 de abril de 2025.- O I Campus Musical ‘Vila de Sanxenxo’ abre desde mañá, 1 de maio, e ata o día 31, o prazo de inscrición, sumándose á oferta de conciliación para o verán. A iniciativa foi organizada pola Banda de Música de Sanxenxo, en colaboración coa concellaría de Educación, dirixida por Nati Parada, a través da Escola de Música, e desenvolverase no Auditorio Emilia Pardo Bazán durante os meses de xullo e agosto, en horario de oito e media da mañá a dúas e media da tarde.
O programa dividirase por quincenas e cada unha terá unha temática diferente, para dar a coñecer distintas épocas e estilos musicais. As actividades están deseñadas para fomentar o compañeirismo e o traballo en equipo. Tamén haberá tempo para xogos tradicionais e actividades deportivas, onde o esforzo individual se verá recompensado no equipo. Haberá dispoñibles un total de 150 prazas por mes. En canto ao prezo, variará en función de se é alumno da Escola de Música de Sanxenxo ou externo: por quincena, de 150 a 175 €; por mes, de 220 a 250 €; e os dous meses, de 400 a 450 €.
O campamento estará dirixido a mozos e mozas de entre seis e quince anos, estudantes de música, así como a nenos sen coñecementos musicais previos. Dentro de cada nivel impartiranse tanto clases individuais como colectivas, dirixidas por profesorado con titulación superior. Trátase dunha proposta diferenciada que busca ensinar sobre música e, ao mesmo tempo, fomentar a interacción social a través de actividades grupais, tradicionais e deportivas.
A oferta de conciliación en Sanxenxo conta ademais co Plan Concilia e cunha outra vertente, a deportiva, coa que o Concello colabora cedendo as instalacións e asumindo a limpeza. Ata sete campus das distintas disciplinas deportivas como balonmán, baloncesto e fútbol celebraranse este verán no municipio, nos campos de fútbol de Baltar de Arriba, O Revel e Noalla, así como nos pavillóns de Vilalonga, Baltar e Nantes.