Concello de Sanxenxo - O VII CONCURSO DE MÚSICA TRADICIONAL SOALLEIRA VOLVE BATER RÉCORD CON UN TOTAL DE 75 INSCRITOS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O certame celebrarase este domingo, 11 de maio, en sesións de mañá e tarde no Pazo Emilia Pardo Bazán

Sanxenxo, 5 de maio de 2025.- O VII Concurso de Música Tradicional Soalleira volve bater récord de participación cun total de 75 inscritos e, por primeira vez, contará cun grupo de fóra de Galicia, procedente de Barcelona. Será a edición con maior número de inscritos ata o momento, o que demostra o crecemento e relevancia deste concurso.

O concurso, organizado pola Asociación Cultural Soalleira e o Concello de Sanxenxo, repartirá 4.100 euros en premios. Os participantes na categoría A (ata 10 anos) e a categoría B (de 11 a 13 anos) optarán a un primeiro, segundo e terceiro premio valorados en 300, 200 e 100 euros, respectivamente, mentres que a categoría C, na que poderán participar aquelas agrupacións con idades entre os 14 e os 17 anos, repartirá 400 euros para o primeiro premio, 200 para o segundo e 100 euros para o terceiro. Pola súa banda, a categoría D (maiores de 18 anos), terá un primeiro premio de 800 euros, un segundo de 400 e un terceiro de 200 euros. Ademais, haberá categoría E “Sénior” con 300 euros para o primeiro clasificado, 200 para o segundo e 100 euros para o terceiro. Tamén haberá dous accésits de vestiario valorados en 100 euros.

O xurado estará composto por tres persoas que valorarán a autenticidade, a dificultade, a afinación e a interpretación. O tempo por cada actuación non poderá exceder os cinco minutos. O concurso celebrarase en dúas sesións, ás 10:30 e ás 17:00 horas. A asociación cobrará unha entrada simbólica de 3 euros por cada sesión.

0
0
0
s2sdefault