Sanxenxo, 2 de maio de 2025.- O Concello de Sanxenxo vén de licitar a humanización do acceso á praza de Travesía Areal en Portonovo. O proxecto, que está subvencionado pola Deputación de Pontevedra a través do Plan +Provincia, está valorado en 166.604 euros e conta cun prazo de execución de catro meses.
A actuación para a humanización da Praza Travesía Areal baséase en recuperar este espazo para o goce do cidadán, enlazándoo peonilmente cos espazos públicos lindeiros como o mercado, rúas e xardíns colindantes. Trátase de xerar un espazo de relación social tanto na rúa como nas prazas e zonas verdes que a rodean, fomentando a vida cidadá nun entorno urbano máis amable e ambientalmente máis sustentable.
Eliminarase a escaleira de acceso desde a rúa polo seu lado sur e dotarase dunha rampla que permita salvar esa diferenza de cota, mellorando a accesibilidade a este espazo. O acceso desde o mercado realizarase en dous tramos a diferente cota, salvados por unha xardineira intermedia. Substituiranse os bancos de formigón actuais por bancos de pedra e substituiranse os elementos de iluminación por uns máis eficientes e con menor consumo enerxético.
Proxéctase a renovación da rede de saneamento existente e a ocultación de arquetas e colectores pluviais visibles, con todos os elementos necesarios para o seu correcto funcionamento. Inclúese a mellora do aspecto e acabado dos pavimentos, así como a reparación de elementos deteriorados, en sintonía cos do exterior do mercado.
A superficie total de actuación é de 706,40 metros cadrados.