As concelleiras de Educación, Nati Parada, e de Servizos Sociais e Maiores, Paz Lago, asistiron á actividade de convivencia
Sanxenxo, 19 de maio de 2025.- Celebrar o “Día do Mestre” foi a escusa perfecta esta mañá para levar a cabo unha xornada de convivencia entre usuarias do Centro de Día de Sanxenxo e o alumnado de 1º de Primaria do colexio de Portonovo, que incluíu un taller de pulseiras. Á actividade, que se desenvolveu na biblioteca do centro educativo, asistiron as concelleiras de Educación, Nati Parada, e de Servizos Sociais e Maiores, Paz Lago, e estivo dirixida pola coordinadora de bibliotecas, Desiré Freijanes.
Á chegada ao centro, compartiron as súas vivencias co profesorado e cada un explicou que significaba para eles a palabra “mestre”. Tras intercambiar impresións, comezou a segunda parte da actividade, o taller de pulseiras, baixo a frase guía “Todos levamos un Mestre dentro: Ensinamos co noso amor, coa nosa paciencia e coa nosa vida”. Escolares e maiores formaron pequenos grupos para elaborar as pulseiras cos elementos que previamente xa estaban enriba da mesa, con contas de letras e decorativas. Mentres traballaban, puideron ir compartindo anécdotas e aprendizaxes que os marcaron ao longo da vida.
Tras a actividade, entregouse un diploma simbólico aos participantes, “Unha mestra para cada corazón”. Trátase dunha actividade que fomenta a conexión interxeracional entre nenos e maiores, lembrando que todos podemos ensinar as nosas experiencias, ensinanzas e valores.
A actividade vén precedida doutra con gran éxito, realizada tamén desde este departamento de biblioteca do CEIP Portonovo co Centro de Día “Virxe do Carme” de Sanxenxo con motivo do Día do Libro. Nesa ocasión, foron os escolares os que se desprazaron ata as instalacións do Centro de Día para ler contos e compartir o seu tempo cos usuarios e usuarias.