Sanxenxo, 19 de maio de 2025.- O Motoclub Amigos da Moto de Sanxenxo xa ten data para a 37ª edición da Concentración Mototurística Internacional Rías Baixas Sanxenxo. O evento mototurístico máis veterano de Galicia, unha cita xa consolidada que cada ano reúne a miles de afeccionados ás dúas rodas, celebrarase os días 12, 13 e 14 de setembro.
Sanxenxo volverá converterse este setembro no epicentro do turismo motero, cunha proposta que vai moito máis alá da clásica concentración. A edición 2025 preséntase como unha experiencia integral que combina motocicletas, cultura, gastronomía, rutas espectaculares e grandes momentos para recordar.
Dende a súa primeira edición en 1986, a concentración experimentou un crecemento espectacular, chegando a congregar nas últimas edicións a máis de 20.000 motos en Baltar. Grazas ao esforzo continuado do Motoclub e ao compromiso dos seus socios, converteuse nunha cita ineludible non só para moteros de toda España, senón tamén para visitantes internacionais.
Neste sentido, a organización quere agradecer especialmente a fidelidade do público portugués, que cada ano acode en gran número, así como a presenza de motociclistas franceses, ingleses, italianos, suízos e doutras nacionalidades, cuxa participación reforza o carácter internacional do evento. Mención especial merece a edición de 2019, na que nos acompañou un motero sudafricano, exemplo do alcance global desta gran festa do motociclismo.
O Motoclub xa está a traballar no cartel e na programación, que se presentarán nas próximas semanas. Como cada ano, apostan por unha combinación entre a experiencia dos membros veteranos e a enerxía das novas xeracións, co obxectivo de innovar e mellorar en cada edición.
O evento non só atraerá a miles de motoristas, senón tamén a familias, veciños e visitantes que atopan nesta cita un escaparate do dinamismo de Sanxenxo. Haberá actividades para todos os públicos, rutas escénicas, exhibicións, zonas gastronómicas e espazos para marcas e emprendedores, todo nun entorno pensado para gozar con seguridade, inclusión e responsabilidade.
A concentración conta co apoio de institucións públicas, empresas privadas e entidades culturais, que apostan por un modelo de evento que deixa unha pegada positiva no territorio. Non só supón un importante impacto económico para o sector hostaleiro, hoteleiro e comercial, senón que tamén reforza a identidade local como destino de referencia no ámbito dos grandes eventos.
Dende a organización sinalan que “non é só unha cita motera, é unha forma de entender a vida: liberdade, comunidade e respecto. Queremos que cada participante se sinta parte de algo único e volva a casa coa sensación de ter vivido moito máis ca un evento”.
Os detalles do programa completo, así como as inscricións e novidades, estarán dispoñibles proximamente nos canles oficiais do Motoclub.