Concello de Sanxenxo - UN TOTAL DE 269 SOCORRISTAS PARTICIPAN NO CAMPIONATO DE ESPAÑA MÁSTER DE PRAIA DE SALVAMENTO E SOCORRISMO EN SANXENXO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 

Sanxenxo, 20 de maio de 2025.- Sanxenxo acolle esta fin de semana o XII Campionato de España Máster de Praia por terceiro ano consecutivo na Praia de Silgar, coa inscrición de 269 socorristas procedentes de 10 comunidades autónomas. A vicepresidenta da Real Federación Española de Salvamento e Socorrismo e presidenta da Federación de Salvamento e Socorrismo de Galicia, Nuria Rodríguez Suárez; o concelleiro de Turismo e Praias, Juan Deza Otero, e o presidente do Club PC Salvamento Sanxenxo, Jesús López Rodríguez, presentaron esta mañá a cita no Paseo de Silgar.

O interese que xeran os campionatos de España da categoría máster medra constantemente, proba diso é o número de socorristas inscritos nesta duodécima edición, que supera en 56 os 213 do ano pasado e en 80 os da edición de 2023. Dúas comunidades autónomas achegan case o 50% da participación, con 126 socorristas e 11 clubs: Galicia, con 66 socorristas (24,54 % do total), e Cantabria, con 60 (22,30 %). No total participarán 150 equipos encadrados en 28 clubs. A Comunidade de Madrid inscribiu 42 socorristas, Canarias 33, Comunidade Valenciana 31 e Castela e León 21; mentres que Cataluña achega 9, Estremadura 4, Región de Murcia 2 e Euskadi 1.

Dos 28 clubs que participan no Campionato Máster de Praia, nove proceden de Galicia, catro da Comunidade de Madrid, tres da Comunidade Valenciana, Castela e León e Canarias, dous de Cantabria e un de cada unha das seguintes comunidades: Región de Murcia, País Vasco, Estremadura e Cataluña.

Presenza en todos os tramos de idade
Haberá socorristas en todos os tramos de idade nos que se divide a categoría máster, con participación masculina e feminina en todos agás no tramo máster 65-69, onde só haberá socorristas homes.

Do total de participantes, 167 competirán na categoría masculina e 102 na feminina, o que supón un 62,08 % de participación masculina e un 37,92 % feminina. O tramo con máis socorristas é o de 45-49 anos, con sesenta inscritos, seguido dos tramos 50-54 con 58 e 55-59 con 52.

O Máster de Praia será retransmitido na súa totalidade a través do Canle RFESS en YouTube, e conta co apoio da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra, o Concello de Sanxenxo e a Federación de Salvamento e Socorrismo de Galicia (Fessga).

 
 
 
0
0
0
s2sdefault