Concello de Sanxenxo - O POLICÍA LOCAL DE SANXENXO, ABELARDO MARTÍNEZ, RECOLLE EN VALLADOLID A MEDALLA DE OURO EN SEGURIDADE VIARIA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O axente, creador da marioneta do Poli Paco, é xa unha figura coñecida pola súa contribución na educación viaria.

Sanxenxo, 5 de xuño de 2025.- O policía local de Sanxenxo e creador da figura “Poli Paco”, Abelardo Martínez, recolleu onte na 5ª edición da Convención Nacional das Policías Locais sobre Mobilidade e Seguridade Viaria a Medalla de Ouro en Seguridade Viaria. O acto, celebrado no Museo das Ciencias, reuniu a preto de 150 xefes, mandos e especialistas das Policías Locais de toda España, nas diferentes disciplinas que abrangue este eido competencial. Unha condecoración que lle foi outorgada en atención á súa traxectoria profesional de compromiso coa seguridade viaria a través de distintos programas e actividades desenvolvidos en Sanxenxo.

Este recoñecemento chega meses despois de que o axente local Abelardo Martínez recibise a medalla de ouro en Educación Viaria no marco do maior congreso internacional sobre mobilidade sostible, celebrado en Madrid, como é a Global Mobility Call, e de que a súa marioneta estrela, Poli Paco, saltase aos libros, “Aprende seguridade viaria co Poli Paco”, con 2.000 exemplares editados polo Concello de Sanxenxo.

Martínez leva desde 2008 impartindo formación en seguridade viaria en Sanxenxo e mesmo fóra do municipio, pero foi en 2012 cando creou ao monicreque Poli Paco, ao que seguiu Ero o Bombeiro, o Avó Nicolás e a Poli Lola, entre outros. Esta idea que xurdiu como unha forma de achegarse ao alumnado marcou unha tendencia a nivel nacional en materia de seguridade viaria. O seu modelo fíxoo merecente de diversos premios como a medalla á Seguridade Viaria de Fesvial, o Premio RACE de Educación Viaria ou o prestixioso galardón Cidadán Ponlle Freo.

0
0
0
s2sdefault