A Comisión de Urbanismo celebrada esta mañá deu luz verde á licenza de construción dunha nave no parque empresarial para fabricar depósitos plásticos. A empresa Neutro Applications, S.L.U. construirá nunha parcela de 1.204 m² do parque empresarial de Nantes a edificación, con baixo e dúas plantas cunha superficie total de 1.283 m². O número de empregados previsto, tal e como figura na memoria, é de entre 10 e 13 persoas para oficinas, departamento eléctrico e fabricación de depósitos.
Na planta baixa está prevista a entrada de camións, taller de cadros eléctricos, almacén de ferramentas, vestiarios, aseo, recepción e zona de traballo; na primeira planta, aseos, despacho e sala de reunións; e na segunda, aseos, despacho e laboratorio.
O parque empresarial de Nantes concentra actualmente unha ampla variedade de actividade comercial, desde multinacionais de distintos sectores ata apostas de pequenos empresarios e emprendedores. Actualmente, 97 parcelas contan con actividade económica ou están en fase de tramitación, representando o 40% da superficie dispoñible do parque. Recentemente, empresas no polígono de Nantes como Aldi, Jysk ou Kiwoko, entre outras, apostaron polo parque empresarial para desenvolver a súa actividade, e proximamente instalarase o primeiro parque de baterías en Galicia, Sungrow.
Por outra banda, tamén se aprobou a licenza de Titán Activos Inmobiliarios S.L. para levar a cabo a construción de tres bloques para setenta e seis vivendas, garaxes, rochos e urbanización interior con piscina descuberta de uso comunitario no lugar de Pombal, en Adina.