Concello de Sanxenxo - O CONCELLO AUTORIZARÁ AS FOGUEIRAS DE SAN XOÁN NAS PRAIAS DA PANADEIRA, SILGAR E CANELIÑAS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O prazo para a solicitude do permiso abrirase o vindeiro luns 9 de xuño

Sanxenxo, 6 de xuño de 2025.- O Concello de Sanxenxo permitirá, previa solicitude de autorización, a realización de fogueiras en tres praias durante a noite de San Xoán. Os areais nos que se poderá realizar a festa son Panadeira, Silgar e Caneliñas. En consecuencia, non se poderán acender fogueiras en ningún outro areal do municipio. As persoas particulares que desexen facer fogueiras nas súas fincas privadas ou en prazas públicas tamén deberán solicitar permiso.

O prazo para a solicitude de autorización e identificación das persoas que se farán responsables de cada unha das fogueiras autorizadas abrirase o vindeiro luns, 9 de xuño, e prolongarase ata o 20 de xuño, ás 14.00 horas. Ademais de no rexistro municipal, por vía electrónica ou presencial, os interesados poderán tramitar a comunicación previa tanto para as fogueiras de San Xoán como para as de San Pedro, de forma excepcional, nas oficinas de Medio Ambiente en Vilalonga. Unha vez realizado o trámite, o responsable deberá asinar a normativa que deberá cumprir.

A Concellería de Medio Ambiente elaborará un listado coas persoas participantes e cos lugares das fogueiras para entregar á Policía Local e a Emerxencias de Sanxenxo. Ambos departamentos municipais coordinarán o dispositivo de vixilancia e control durante as noites do 23 ao 24 de xuño.

Ademais, o Concello poñerá en marcha un operativo especial da Policía Local, dos servizos de emerxencia e do servizo de limpeza. O horario de vixencia da autorización das fogueiras será exclusivamente para a noite do día 23, desde as 22:00 ata as 6:00 horas do día 24, período no que quedará prohibido o baño. As persoas con autorización poderán baixar o material á praia a partir das 21:00 horas. Ás seis da mañá evacuaránse as praias para proceder á súa limpeza, garantindo que estean en perfectas condicións a primeira hora da mañá.

Por motivos de seguridade, non estará permitido o uso de tendas de campaña nin tampouco de faroliños tailandeses. Outras medidas preventivas son a colocación de valos para delimitar os espazos autorizados e bidóns para a recollida de cinza. Entre os requisitos esixidos para poder realizar as fogueiras neses areais está a queima exclusivamente de leña limpa e en ningún caso de materiais plásticos, madeiras pintadas ou con cravos. Tampouco se poderán levar á praia botellas ou vasos de vidro, nin reproducir música cun volume que poida molestar ás zonas de vivendas.

San Pedro
Para a celebración das fogueiras de San Pedro, o prazo para a solicitude de autorización e identificación das persoas que se farán responsables de cada unha das fogueiras autorizadas abrirase o vindeiro luns, 9 de xuño, e prolongarase ata o 26 de xuño, ás 14:00 horas. Ademais, a través do rexistro municipal, por vía electrónica ou presencial, os interesados poderán tramitar a comunicación previa tanto para as fogueiras de San Xoán como para as de San Pedro, de forma excepcional, nas oficinas de Medio Ambiente en Vilalonga. Unha vez realizado o trámite, o responsable deberá asinar a normativa que deberá cumprir. A Concellería de Medio Ambiente realizará un listado coas persoas participantes e cos lugares das fogueiras para entregar á Policía Local e Emerxencias de Sanxenxo. Ambos departamentos municipais coordinarán o dispositivo de vixilancia e control durante as noites do 28 ao 29 de xuño.

0
0
0
s2sdefault