Concello de Sanxenxo - A ALUMNA DO COLEXIO A FLORIDA, AINHOA HERNÁNDEZ, PREMIO NACIONAL DO CONCURSO “¡AHORA VAMOS ANDANDO AL COLE!”
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O seu debuxo e mensaxe foi elixido como o mellor entre un total de 20.608

Sanxenxo, 13 de xuño de 2025.– O colexio de A Florida rendeu esta mañá homenaxe á súa alumna Ainhoa Hernández Pazmiño, de 6º de Primaria, gañadora do premio nacional “¡Ahora vamos andando al cole!”. O seu debuxo e mensaxe “As consecuencias da irresponsabilidade”, un traballo destacado pola súa mensaxe clara e orixinal, resultou elixido entre un total de 20.608 alumnos e alumnas de toda España.

Ao acto asistiron os concelleiros de Educación, Nati Parada, e de Seguridade Cidadá e Emerxencias, Xoán Pérez, así como representantes de Stop Accidentes e Fundación Mapfre, organizadores do premio, o xefe da Policía Local, José Manuel Duarte; o policía Abelardo Martínez, “Poli Paco”, e familiares da galardoada.

A obra gañadora divídese en tres secuencias diferentes baixo os títulos: 'O paraíso agardado', 'O xardín dos horrores' e 'O inferno das consecuencias'. Segundo explicou a alumna, cada viñeta leva aos distintos momentos polos que pode pasar unha persoa "que comete unha imprudencia en seguridade viaria".

O premio nacional inclúe dous recoñecementos compartidos: un cheque de 2.000 euros para unha excursión ou viaxe para a clase da alumna premiada e un cheque de 750 euros para que o colexio adquira material ou equipamento. Ao estar a piques de rematar as clases e non dar tempo a organizar unha actividade, a dirección acordou agasallar a Ainhoa Hernández cun ordenador portátil, que de seguro lle será de grande utilidade na súa nova etapa educativa na ESO.

Na nova edición do concurso, organizado por Stop Accidentes e Fundación Mapfre, realizáronse 836 obradoiros nun total de 126 colexios.

0
0
0
s2sdefault