Concello de Sanxenxo - “XOGADE COAS MOTOS” CHEGA ESTE DOMINGO Á PRAZA DO MAR
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A actividade está prevista para nenos e nenas de entre 6 e 15 anos, en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas

Sanxenxo, 16 de xuño de 2025.– O programa de motociclismo “Xogade coas motos” chega este domingo a Sanxenxo, como unha oportunidade para que máis de 40 nenos e nenas, de entre seis e 15 anos, teñan a súa primeira experiencia co manexo de vehículos de dúas rodas.

O evento forma parte do programa Xogade, da Xunta de Galicia, coa colaboración de VF Timing, da Federación Galega de Motociclismo e o Concello de Sanxenxo.

A cita foi presentada esta mañá polo concelleiro de Deportes, Voluntariado e Xuventude, Marcos Guisasola, e pola presidenta de VF Timing e coordinadora do programa “Xogade coas motos”, Sandra Fernández.

Esta actividade desenvolverase na Praza do Mar, en horario de mañá e tarde, de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas, e ten como finalidade saber se ao neno lle gusta o deporte do motociclismo, polo que non se trata dunha competición nin tampouco dun adestramento.

“Non lles imos ensinar a ser Marc Márquez. É unha toma de contacto co mundo das motos”, explica Sandra Fernández.

Cada participante contará co seu monitor e repartiranse en roldas de 10. Realizarán dúas mangas, de vinte minutos cada unha: unha para controlar o gas e a velocidade, e outra para realizar un circuíto. Os participantes deberán levar luvas de moto ou bici, calzado que cubra o nocello, roupa térmica fina e bo manexo da bicicleta.

“É unha actividade con moito arraigamento na zona e que vén completar a axenda deportiva do verán”, explica Guisasola.

Na primeira fase de apertura de inscricións, só para persoas empadroadas, xa se cubriron 32 prazas, pero aínda quedan 8 dispoñibles. O prazo pecharase este mércores. As persoas interesadas poden inscribirse en  www.xogadecoasmotos.com


0
0
0
s2sdefault