Concello de Sanxenxo - A ASOCIACIÓN ABIÑADOIRA ARRANCA ESTE SÁBADO COAS LABORES NA RÚA AS 31 XORNADAS CULTURAIS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Case 200 persoas de distintos puntos de Galicia participarán na actividade que terá como epicentro a Praza de Pascual Veiga

Sanxenxo, 18 de maio de 2025.– Case 200 persoas de distintos puntos de Galicia daranse cita na IX Xuntanza de Labores na Rúa. A cita, que se celebrará este sábado, desde as 10:00 horas ata as 20:00 horas, na Praza de Pascual Veiga e arredores, enmárcase dentro das XXXI Xornadas Culturais que organiza a Asociación Abiñadoira en colaboración co Concello de Sanxenxo.

Ás 21:00 horas, o grupo de teatro Súa Vila presenta no Auditorio Emilia Pardo Bazán a obra “Os noivos para Carlota”, con entrada libre ata completar aforo.

O xoves 26, o músico e artesán Pablo Carpinteiro ofrecerá un obradoiro na sala de exposicións do Pazo Emilia Pardo Bazán a partir das 19:00 horas.

A actividade continuará o venres 27 de xuño, coa actuación de todos os grupos de Abiñadoira na Praza de Pascual Veiga, a partir das 21:00 horas.

O sábado 28, Pesdelán tomará o relevo coa Foliada Asalto na Praza dos Barcos, a partir das 20:30 horas. Unha actividade pensada para o público familiar, con música en vivo e aprendizaxe de bailes e xogos sinxelos.

O broche final da programación porao a Romería Tradicional, o domingo 29, unha iniciativa que supuxo a orixe destas xornadas culturais e que foi medrando ano tras ano, afondando no carácter participativo das festas tradicionais.

Un total de 25 postos con distintos produtos artesáns de alimentación e complementos instalaranse ao longo da Rúa de San Isidro durante a xornada.

Ás 13:00 horas haberá sesión vermú coa Banda de Música de Sanxenxo e, a continuación, abrirase o micro para todos aqueles grupos ou cantantes que queiran participar na festa.

Ás 20:30 h, terá lugar a actuación de Portonovo Canta; ás 21:30 h, será a quenda de Afoutes de Canón de Pau, e ás 22:00 h, o grupo de música galega Fiándola pechará a xornada.

0
0
0
s2sdefault