Concello de Sanxenxo - O NOVO VIAL QUE COMUNICA A RÚA PROGRESO COA RÚA SANXENXO ABRE AO TRÁFICO CON 60 NOVOS APARCADOIROS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O Concello ultima o acordo para o uso como aparcadoiro de dúas parcelas de case 5.000 m² na estrada da Circunvalación

Sanxenxo, 27 de xuño de 2025.– O alcalde, Telmo Martín, acompañado da concelleira de Planificación Territorial e Vivenda, María Deza, e do edil de Medio Ambiente, Mantemento e Servizos, Yago Torres, visitaron esta mañá o novo vial que comunica a Rúa Progreso desde a rotonda do Hotel Terraza coa Rúa Sanxenxo, xusto enfronte da escola infantil municipal de O Tombo, con motivo da súa apertura ao tráfico peonil e rodado.

A urbanización realizada pola promotora que se encargará do desenvolvemento do ámbito de 14.177 m² mantén a estética e a calidade dos materiais da Rúa Progreso con arborado, zonas axardinadas e mobiliario urbano. O novo sistema viario en forma de “Y”, cunha superficie de 4.025 m², achega ademais desde hoxe 60 prazas de aparcadoiro libres no pleno centro do municipio. “Sanxenxo gaña un espazo público de calidade que vai axudar a desconxestionar o tráfico na Rúa Progreso, un dos puntos quentes de tráfico no verán”, asegurou Martín. A velocidade no vial está limitada a 30 quilómetros por hora. Unha vez se realice a recepción definitiva tamén se poderá desfrutar de case 4.000 metros cadrados de zonas verdes. A proposta do nome do novo vial, aínda por decidir, levarase a aprobación do Pleno.

O alcalde tamén adiantou que nos próximos días “vaise contar cun novo aparcadoiro na estrada da Circunvalación nunha parcela de aproximadamente 5.000 metros cadrados que permitirá estacionar 250 coches”. Estes aparcadoiros súmanse aos habilitados este verán no solar onde se levantará o novo mercado de Sanxenxo, con capacidade para 38 vehículos e seis motos, con rotación a través de zona azul gratuíta.

0
0
0
s2sdefault