Sanxenxo, 28 de xuño de 2025.– A Concellería de Cultura e Eventos, dirixida por Elena Torres, xa ten listo o programa de actividades para este verán. Máis de 47 propostas diferentes encherán os días de xullo, agosto e comezos de setembro con actividades pensadas para todos os públicos. “Buscamos propostas para todos os públicos coas que desfrute toda a familia. Unha oferta variada que atraia a veciños e visitantes”, asegura Torres.
A música será protagonista, a maxia repite con forza, e non faltarán os contacontos, as exposicións ou o circo, nin tampouco as tradicionais citas organizadas polos colectivos locais coa colaboración do Concello, como o Mundial de Colchonetas (20 de xullo), a Muiñada de Soalleira (25 de xullo), o Certame de Pintura Rápida de Arra (3 de agosto), a Festa Ye-Ye (12 de xullo), a Festa Labrega en Bordóns (23 de agosto), a Festa da Ostra en Noalla (8, 9 e 10 de agosto) ou a Concentración Mototurística Internacional Rías Baixas Sanxenxo (12, 13 e 14 de setembro).
A actividade dará comezo o 2 e 3 de xullo coa exposición Ollares na Rúa na Praza Pascual Veiga. A mostra desprazarase ao parque de O Espiñeiro, os días 5 e 6 de xullo. Durante os meses de xullo e agosto, o Pazo Emilia Pardo Bazán acollerá a exposición de obras premiadas no Certame de Pintura Rápida de Arra, de 9:00 a 14:30 h.
O 4 de xullo, a Casa Mariñeira acollerá o XIII Festival Internacional de Narración Oral Atlántica Artiloxios, a cargo de Oswaldo Pai, ás 21:30 h. O venres 11 de xullo, chega ao parque de O Espiñeiro o Circo Cambucho, a cargo de Henriko, ás 21:00 h. O sábado 12, a Carballeira de Noalla acollerá o II Ciclo Internacional de Maxia de Sanxenxo co mago Román García, ás 21:00 h. O 13 de xullo, Vilalonga celebra a Festa da Bicicleta - Festa do Neno.
O 17 de xullo, a Praza da Fonte de Ramos acolle o concerto da Orquestra Sinfónica de Xaén, ás 21:00 h. O 19 de xullo, a Praza de Manuel Cortés acolle un novo ciclo de maxia con Iván Santacruz, ás 21:00 h. O xoves 24 de xullo, chega á Praza do Mar o concerto de Guadi Galego, dentro de Síntese Horizonte, ás 22:00 h, en apoio á cultura popular galega. Do 26 de xullo ao 3 de agosto, a explanada de Montalvo acollerá a Feira de Produtos Galegos. O sábado 26 de xullo, a maxia desprazarase á Praza Pública de Vilalonga, ás 21:00 h. O 30 de xullo, o porto deportivo Juan Carlos I acollerá Portugal no Camiño, feira de produtos artesanais, música tradicional e gala musical galego-portuguesa.
Un verán máis, Afundación traerá a Sanxenxo a súa exposición na rúa. Nesta ocasión, Comedy Wildlife, do 6 ao 31 de agosto no espigón do porto. Do 16 ao 20 de agosto, María de la Fe Díaz Calvo expón Bicos de Mami na Sala Nauta.
En setembro, o día 5, chega á capela de A Lanzada Fóra de si, de Luz Arcas e Nuria Sotelo, ás 21:00 h, proposta incluída na Bienal de Pontevedra. O día 6, o Auditorio Emilia Pardo Bazán acollerá I love rock and roll, a cargo de Rock en Familia.
Agosto comeza co concerto de Allo Negro no Campo de San Roque, ás 22:00 h, e coa exposición Alterarte na Sala Nauta, do 1 ao 10 de agosto. O día 2, a maxia chega á Casa de Cultura de Dorrón, ás 21:00 h. O día 8, a Praza Fonte de Ramos contará co Sanxenxo Maxia Fest. O día 9 continúa a maxia no Campo de Festas de Nantes coa maga Dania Díaz, ás 21:00 h. No aparcadoiro da praia de Areas celebrarase a Festa do Verán de Dorrón, con música e degustación, desde as 20:00 h. O xoves 14, a Praza dos Barcos acolle o espectáculo de circo Finito Infinito, a cargo de Cía Trotamundos. O domingo 24, Herdanzas da nosa Terra, concerto da Banda de Música de Sanxenxo e Os Cruceiros de Vilalonga, chega á Praza do Pazo, ás 21:00 h. O xoves 28 de agosto, a Praza da Fonte de Ramos acolle o concerto Querida Montserrat, querido Luciano. O 29 de agosto, celebrarase o Festival de Verán, concerto das corais polifónicas na Casa Mariñeira de Don Fernando, e o día 31 terá lugar a XXV Milla Vila de Sanxenxo.
O deseño do programa de man, realizado pola directora do Centro de Arte, María Vázquez, conta este ano cunha novidade: a portada e contraportada están formadas por elementos que convidan a gozar do verán como a sombrilla, a colchoneta, as gafas de sol ou as chanclas, entre outros, en formato adhesivo para que se poidan extraer do programa.