Concello de Sanxenxo - JUAN LUIS GUERRA XA TEN VENDIDAS CASE 15.000 ENTRADAS PARA O SEU CONCERTO NA PRAZA DO MAR DE SANXENXO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O alcalde, Telmo Martín; o director da Axencia Galega de Turismo, Xosé Merelles e o produtor, Virvi Fraga, presentaron hoxe o evento

Sanxenxo, 3 de xullo de 2025.- A apenas quince días da celebración do concerto de Juan Luis Guerra na Praza do Mar de Sanxenxo o vindeiro 19 de xullo, as 15.000 entradas dispoñibles xa están case todas vendidas. A única actuación que o artista dominicano ofrecerá en Galicia chega cargada de expectación cunha posta en escena de máis de 15 músicos e un escenario que, polas súas características especiais e dimensións, chega desde Barcelona. O alcalde, Telmo Martín, o director da Axencia Galega de Turismo, Xosé Merelles, e o produtor musical, Virvi Fraga, presentaron esta mañá na Praza do Mar o evento que contou coa amenización da cantante e compositora Carolina Rubirosa, que interpretou unha das cancións máis emblemáticas do artista, “Ojalá que llueva café en el campo”.

Fraga agradeceu as “facilidades dadas polo Concello e o alcalde, así como Turismo de Galicia para poder levar a cabo o concerto dun artista TOP mundial”. Na mesma liña, incidiu en que “dende o minuto un tiñamos na cabeza a Sanxenxo porque un concerto coma este precisa da mellor praza de Galicia e Sanxenxo xa é un referente nacional e internacional”. O produtor musical destacou que é “unha ocasión única para ver ao artista nun concerto que probablemente é o máis importante de Galicia este verán”. Tres buses lanzadeira gratuítos desprazaranse o día do concerto, a partir das 17.30 horas, desde o parque empresarial ata a rotonda da Rúa Progreso (Hotel Terraza) de forma continua para facilitar a mobilidade.

Pola súa banda, o alcalde agradeceu a aposta da Xunta. “Teño que dicir que Juan Luis Guerra vén a Sanxenxo grazas á Xunta de Galicia dentro dos concertos do Xacobeo”, apuntou. En canto ao reto organizativo, Martín animou á xente a aproveitar os buses lanzadeiras e tamén a quedar en Sanxenxo un tempo ao rematar o concerto, aproveitando o que ofrece esta vila de noite e así tamén facilitar unha “saída escalonada” que evite a saturación das estradas. “Juan Luis Guerra achegará o vindeiro 19 de xullo a boa música e nós este entorno marabilloso”, dixo.

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, asegurou que Sanxenxo ofrecerá “a oportunidade de ver de novo en Galicia a un artista de renome mundial como Juan Luis Guerra, con máis de catro décadas de traxectoria ás súas costas e milleiros de seguidores de todas partes do mundo que abranguen diferentes xeracións, é todo un luxo para a nosa comunidade” e incidiu en que “a misión do programa dos Concertos do Xacobeo, impulsados pola Xunta, é darlle cobertura a citas únicas e exclusivas como este concerto, que engaden valor á oferta turística da comunidade”.

0
0
0
s2sdefault