Concello de Sanxenxo - O CONCELLO ADXUDICA POR CASE 240.000 EUROS A HUMANIZACIÓN DA CONTORNA DA CAPELA DE ARRA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O prazo de execución da obra é de 3 meses e a actuación será realizada por Marconsa

Sanxenxo, 4 de xullo de 2025.– O Concello adxudica por case 240.000 euros a humanización da contorna da capela de Arra. A actuación foi adxudicada á empresa Marconsa e conta cun prazo de execución de 3 meses. Con este proxecto de humanización búscase mellorar a urbanización dun núcleo poboacional cun gran valor patrimonial. A actuación será financiada integramente a través do Plan +Provincia.

Co obxectivo de potenciar este núcleo antigo de poboación, o goberno porá en marcha esta actuación que mellorará a seguridade viaria na zona e embelecerá a contorna. A capela de San Amaro é unha xoia arquitectónica da baixa Idade Media e, a escasos metros, atópase o Priorato de Arra que, no seu día, foi vivenda duns monxes beneditinos relacionados co Mosteiro de Armenteira e no que se teñen investido preto de 400.000 euros na súa rehabilitación.

Na actualidade pódese apreciar o mal estado do firme, así como as acometidas aéreas de telefonía e electricidade. As actuacións proxectadas terán como obxectivo mellorar o pavimento existente da zona, soterrar os cables aéreos de electricidade e telefonía e mellorar a iluminación nocturna da contorna da capela e dos viais de acceso. Conservaranse os niveis orixinais das rúas, para o que haberá que picar e levantar o pavimento existente, caixas, posteriormente rechear, compactar, abrir as gabias e colocar o novo pavimento segundo cada caso, mantendo os desniveis e rasantes actuais. Tras as obras de urbanización, as cotas dos viais non presentarán cambios reseñables.

0
0
0
s2sdefault